Galicia, Ceo das Letras - 2012

“Galicia é unha potencia literaria”. Con esta frase, a Cidade da Cultura iniciou en 2011 unha andaina dedicada a festexar aos nosos meirandes autores clásicos. Esa mesma frase, esa mesma convición, é a que nos incita agora a celebrar unha nova edición do ciclo “Galicia, Ceo das Letras”.

Durante sete sesións e ata final de ano desfilarán polo auditorio da Biblioteca de Galicia tres autores cumio das letras galegas (Celso Emilio Ferreiro, Otero Pedrayo e Castelao), unha escritora de nós prodixio da literatura castelá (Emilia Pardo Bazán) e un elenco de talentos mundiais aos que nos unen a veciñanza, a lingua ou o mesto universo da imaxinación (Federico García Lorca, Jorge Amado e James Joyce).

Cada unha das sete sesións que darán vida a estes ‘Sábados de autor’ constará dunha charla inicial impartida por un experto de referencia para, a continuación, dar paso a unha actuación artística -música, cine, teatro…- ligada ao espírito do escritor homenaxeado.

 
En familia