'Escape room' do Faraón

Atención, rapazada: chega o Escape room do Faraón! Convertédevos en intrépidos exploradores e exploradoras para conseguir resolver todos os enigmas propostos nunha visita diferente á exposición Faraón. Rei de Exipto, na que para poder saír da sala non deberá quedar ningún misterio sen resolver.

Esta aventura transportaravos ao Val do Nilo para recuperar unha xoia lexendaria dun valor incalculable. Pero a tarefa non será sinxela: arrevesadas pistas e misteriosos enigmas afástanvos da vosa meta. Sentídesvos capaces de resolvelos todos e superar esta divertida xincana de enxeño?

Información importante

  • De balde, previa inscrición.
  • A actividade está dirixida a público mozo e adolescente. A idade recomendada é +12 anos.
  • A inscrición é grupal e cada grupo participante deberá estar composto por un máximo de 4 persoas. Ao inscribirvos deberedes pór en OBSERVACIÓNS os nomes de todas as persoas integrantes do equipo.
  • En caso de que algún/ha integrante do grupo sexa menor de 12 anos, deberá estar acompañado/a dunha persoa adulta responsable (que tamén forme parte do equipo de 4 que realizará a xincana).
  • Para realizar a actividade, é imprescindible dispor dun dispositivo móbil no que se recibirán as pistas e enigmas para avanzar na aventura (a través dunha app e un código de acceso que vos dará o/a monitor/a da actividade).
  • A duración da proba é dun máximo dunha hora, pero poderá ser moito menos dependendo da vosa habelencia cos enigmas que vos proporemos!
  • PUNTO DE ENCONTRO: Á vosa chegada, dirixídevos ao mostrador de entrada do Museo Centro Gaiás, onde recibiredes as instrucións para a aventura, antes de subir á sala de exposicións.