Elas teñen a palabra | Ánxela Gracián

Paisaxes de pan é unha autobiografía poética coa que autora, Ánxela Gracián, regresa á súa infancia rural, tan paradisíaca como elexíaca, recuperada aquí como lugar de resistencia. Coa memoria como liña condutora, a aldea e a casa recíbena de novo porque, como dicía Baudelaire, “no fondo todos estamos determinados pola nenez”.

Congregadas a carón do lume, recíbena todas as personaxes que un día a habitaron. Como voceira de todas elas, a avoa Anuncia refire historias de pan e mitoloxías de noso, que invocan a Muller da Gadaña, a néboa do Chamoso e certos paxaros agoirentos. Pola súa boca fala o mundo, transcendendo o que era oco e que existe porque ela o nomea de novo. Tamén vén ao noso encontro o Home do Saco, ensinando a desafiar o medo, para descifrar logo os signos da pedra e entrar así na desmemoria. Rodeando todo aquel mundo de paisaxes de pan, eríxese altiva e fachendosa a carballeira, símbolo da beleza suprema. Reino perdurable da infancia é este un poemario orixe das orixes.

 

Sobre Ánxela Gracián

Licenciada en filoloxía galego-portuguesa pola USC, escritora, tradutora, editora, crítica literaria e dinamizadora cultural. Autora de literatura infantil e xuvenil, traduciu Memorias de Hadrián de Marguerite Yourcenar e a diversos autores de literatura infantil ao galego. Desde 1996 traballa no Servizo de Tradución da Xunta de Galicia. De 2004 a 2013 desenvolveu o seu traballo en Sotelo Blanco Edicións dirixindo as coleccións Docexvintedous, Medusa Narrativa, Medusa Ensaio, Arlequín Teatro e Biblioteca Roberto Vidal Bolaño.Tamén foi vicepresidenta da Asociación Galega de Literatura Infantil e Juvenil (Gálix). Ademais, foi a encargada de representar a revista Fadamorgana na selección anual que levaba a cabo a Red de Selección de la Fundación Germán Sánchez Ruipérez para elaborar un Catálogo Anual dos 100 Mellores Libros de literatura infantil e xuvenil. En 2018 gañou o XV premio Pura e Dora Vázquez de narración da Deputación de Ourense.

 

 

 

 
Letras & Pensamento
 
1 — 4 Set 2026
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 21 MAI