Música, arte, ciencia e, por riba de todo, moito humor. Este 18 de maio vén a celebrar connosco o Día Internacional dos Museos, que desde 1977 se organiza en todo o mundo con actividades únicas, divertidas e de balde co obxectivo de poñer en valor o papel destas institucións culturais na sociedade.
Coa colaboración da Fundación Aquae, o Museo Centro Gaiás celebrará este 18 de maio unha xornada de portas abertas con actividades para todos os públicos ao redor do elemento clave da mostra en exposición: a auga doce. Xunto coas visitas guiadas regulares e unha edición especial das familiares Os Rescatadores de Auga Doce, o Museo acollerá obradoiros artísticos e creativos, contacontos ou experimentos científicos.
Grandes e pequenos non deixarán de sorprenderse ante un instrumento sen precedentes basado no ritmo da choiva: o Aquofono, co que poderán crear a súa propia música a través da auga. Para os máis creativos, o Museo Centro Gaiás presenta A viaxe dunha pompa, onde ademais de aprender a crear pompas coñecerán dunha forma lúdica a presenza da auga nos seres vivos; Augarte!, co que nos trasladaremos á prehistoria creando un mural de arte rupestre; e o obradoiro Barro+Auga doce: arxila!, onde crear figuras e aprender a decoralas con diferentes técnicas primitivas.
Toda a familia poderá gozar coa selección de contos Auga Miúda de Pablísimo, onde se narrarán historias ao redor de fontes, pozos, ríos, a choiva… sempre coa auga como elemento fundamental. O Día dos Museos tamén converterá ao Gaiás nun gran laboratorio científico que nos permitirá achegarnos á ciencia a través de cinco experimentos ao redor da auga. E os pequenos da casa terán tamén o seu propio espazo multisensorial: As formas da auga, no que poderán interactuar con diferentes texturas e tamaños.


