Neste 2015, a Cidade da Cultura celebra o Día dos Museos por partida triple. Do 16 ao 18 de maio, o Gaiás celebra xornadas de portas abertas, visitas guiadas especiais, obradoiros, xogos, conferencias, concertos e todo un programa de actividades baixo o patrocinio de Vodafone que farán que entrar no museo sexa unha experiencia máis que divertida.
O sábado 16, o domingo 17 e o luns 18, xornada na que se celebra en todo o mundo o Día dos Museos, a entrada á exposición Camiño. A orixe será de balde. E como a celebración do Día dos Museos coincide co Día das Letras Galegas, ás xornadas de portas abertas e ás visitas guiadas á exposición súmanse as Visitas Filgueira Valverde, un percorrido no que descubrir a figura deste intelectual galeguista a través de varias pezas da mostra, xogos e acertixos para gozar en familia.
O sábado 16 convidamos a pequenos e maiores de facer seu o Museo Centro Gaiás, con actividades para todas as idades. De 11 a 14:30 e de 16:30 a 20:00, o Museo Centro Gaiás ofrece a posibilidade de descubrir o Camiño de Santiago a través da Vía Láctea nun sorprendente Planetario, marcarlle o camiño ao Robot Peregrino, vivir a experiencia de facer o Camiño grazas á realidade virtual, realizar divertidos experimentos científicos ou vivir a experiencia xacobea a través de texturas e cores nun camiño para bebés. A área de xogos complétanse con varios obradoiros, ludoteca para os máis pequenos e un fotomatón co que levar un recordo deste día para casa.
A xornada do 16 de maio conclúe cunha conferencia de DisCamino, colaborador da mostra, e un concerto a cargo de Resonet que levará por título Canto de Ultreia. Os cantos dos peregrinos de Santiago.
E para repoñer forzas, os máis pequenos poderán canxear a súa entrada por un refrixerio saúdable gratuíto a base de Maruxas de Nata e un Bebebio con iogur e froita da Casa Grande de Xanceda.













