Día do Libro: Dez obras extraordinarias que visitaron o Gaiás

Desde o primeiro libro impreso en Galicia, a unha das biblias hebreas máis valiosas da historia ou o manuscrito dun Nobel de Literatura... Todos eles visitaron a Cidade da Cultura nalgunha das exposicións que acolleu, deixando abraiadas ás persoas amantes dos libros que os admiraron.

Hoxe, para festexar o Día do Libro, queremos achegarnos a dez das obras máis extraordinarias que acollemos no Gaiás, nunha escolma realizada por Miguel Ángel Cajigal, técnico do Servizo de Educación, Mediación, Información e Atención ao público do Museo Centro Gaiás. Descubre neste vídeo a historia que agochan entre as súas páxinas!

1. Liber Sancti Iacobi (Códice Calixtino) [Códices e Galicia, un relato no mundo]

O Museo Centro Gaiás albergou as tres mellores copias que existen do Liber Sancti Iacobi: o Códice Calixtino da Catedral de Compostela (Códices) e os exemplares da Biblioteca Vaticana e Salamanca (Galicia, un relato no mundo).

2. Enciclopedia Mecánica de Ángela Ruiz Robles [Exlibris Gallaeciae]

Interesante precursor do libro electrónico, deseñado pola mestra leonesa afincada en Ferrol en 1949 coa intención de reducir os custes da edición das enciclopedias de uso escolar. No edificio do Arquivo de Galicia (hoxe o CEM) expúxose o prototipo realizado en 1962 no Parque de Artillería de Ferrol baixo a dirección da propia inventora.

3. Misal Auriense [Códices]

Primeiro libro impreso en Galicia, estampado sobre pergameo en Monterrei en 1494. Testemuña da chegada da imprenta as nosas terras, co salto que vai significar.

 4. Manuscrito de “La Colmena” de Camilo José Cela [Cela, o centenario dun Nobel]

Manuscrito do libro máis senlleiro na produción literaria do único Premio Nobel galego, sobre o cal o escritor estivo traballando entre 1945 e 1950.

5. “Galicia Mártir” de Castelao [Castelao Maxistral. A boa obra ao mestre honra]

Primeiro dos álbums de guerra de Castelao, editado en 1937 e considerado por Valeriano Bozal como a obra máis destacada do artista. Unha das súas láminas foi o modelo para o cadro máis simbólico da produción de Castelao: A derradeira leición do mestre.

6. Códex Aretinus [Galicia, un relato no mundo]

Atopado en 1884 por Gian Francesco Gamburrini, é a única fonte pola que coñecemos a viaxe de Exeria a Terra Santa no século IV (o Itinerarium Egeriae).

7. Tumbo A da Catedral de Santiago [Códices]

Esta obra documental do século XII contén copias dos documentos reais da catedral de Santiago dende o século IX ata o XIII, ademais dunha das mellores galerías de retratos reais da Idade Media europea.

 8. Biblia Kennicott [Galicia, un relato no mundo]

Probablemente o libro máis valioso exposto na Cidade da Cultura, é un documento único pola súa testemuña da desaparecida comunidade xudía galega, ademais dun libro dunha enorme riqueza.

 9. “Cantares Gallegos” de Rosalía de Castro [Exlibris Gallaeciae]

O primeiro libro integramente publicado en galego vai ver a luz en Vigo en 1863 impreso por Juan Compañel. Foi o único libro de Rosalía que acadou unha segunda edición en vida da autora.

 10. Libro X de Pergameos Reais da Catedral de Lugo [Códices]

O libro que contén os documentos escritos máis antigos expostos na Cidade da Cultura. Reúne privilexios rexios da catedral de Lugo entre o século X e o XV.

 
Letras & Pensamento
 
Convocatoria aberta
Do 9 de abril ao 8 de maio