Día da Música 2021 | Peregrinación musical no Gaiás

Día da Música 2021 está marcado pola celebración do Xacobeo 21·22 e a Cidade da Cultura súmase aos festexos cun percorrido musical, a xeito de peregrinación, polos espazos exteriores do Gaiás recreando neles as cinco rutas xacobeas, cunha actuación musical en cada punto que se vencelle cunhas das vías do Camiño.

 

Deste xeito,  a actuación do Xardín do Teatro (18:00 horas) terá vínculo coa Vía da Prata e ao seus sons do sur da renovadora cantaora Rosario la Tremendita; ao achegarnos aos exteriores das Torres Hejduk (19:00 horas) recibiranos o fado e a canción portuguesa con aires pop de André Henriques para levarnos ao Camiño Portugués; xa no Parque da Balea (20:00 horas) viaxaremos polo Camiño francés a través do repertorio da formación Kalakan coa súa lectura contemporánea do repertorio tradicional de Euskadi.

 

Esta peregrinación musical levaranos ao Camiño Inglés no Lago do Xardín Literario (21:00 horas) co compositor e pianista Nico Casal, alí agárdanos o piano do músico compostelán afincando en Londres e gañador dun Óscar pola banda sonora da curtametraxe Stutterer; e rematarase esta andaina xacobea na Praza Central do Gaiás  (22:00 horas) con Xabier Díaz  & Adufeiras de Salitre. Un peche da man dun dos músicos galegos de raíz máis premiados e con máis proxección dentro e fóra das nosas fronteiras, acompañado das Adufeiras de Salitre, 15 músicas en escena (sumando as 12 cantaoras + percursionistas) para un directo poderoso coa clara intención de revisar ao vivo o seu repertorio.

 

PEREGRINACIÓN MUSICAL CON:

 

18H Xardín do Teatro | Rosario la Tremendita | ESGOTADO

Cantaora nacida en Triana (Sevilla), ademais de intérprete, asume o papel de compositora, produtora, letrista e multiinstrumentista (acompáñase con guitarra, baixo eléctrico e percusión).

Con catro discos no mercado e dúas nominacións aos Latin Grammy Awards a “Mellor Álbum Flamenco”, La Tremendita converteuse, segundo a crítica, dunha das grandes renovadoras do flamenco actual e en icona dos novos tempos do “arte jondo”. Desde os seus comezos esfórzase por estudar a tradición sempre desde o respecto, pero cun irrefreable afán investigador e renovador que é visible nos seus últimos traballos.

 

19H Torres Hejduk | André Henriques | ESGOTADO

 

Nome imperdible no panorama da música portuguesa da actualidade. Cunha carreira sólida coa súa banda Linda Martini, destaca polas letras coidadas, pola forma en como subverte os alicerces da música pop, polo seu constante amor ao fado e á canción portuguesa e polas letras emotivas e contundentes que atopan eco nunha xeración que se volveu apaixonar pola música portuguesa.

Ademais da súa banda de sempre, nos últimos anos ten escrito cancións para outros intérpretes como Cristina Branco, e realizado diversas colaboracións con artistas como Rui Carvalho (Filho da Mãe).

En 2020 presentou o seu primeiro disco en solitario, producido por Ricardo Dias Gomes, músico brasileiro que ten colaborado con Caetano Veloso, Adriana Calcanhoto ou Jesse Harris. Neste primeiro álbum estende a súa identidade, partindo sempre do texto para crear un universo musical propio, callado de historias que nos atrapan ata a  última sílaba.

 

 

20H Parque da Balea | Kalakan | ESGOTADO

 

 

O trío Kalakan chega desde Iparralde (País Vasco Francés) para presentarnos “Artizar”, o seu novo disco (2021). Artizar é un eixo seguro para non perder o norte, un faro que nos lembra que debemos seguir o camiño da nosa vida sen perder nunca o rumbo. E conectados co significado deste título, investigan os sons máis actuais e a electrónica sen perder nunca a súa esencia: a música tradicional vasca. Nos pouco máis de 10 anos que levan en activo, Kalakan conseguiron situarse nun dos lugares referentes da world music, actuando por todo o mundo e colaborando con infinidade de artistas.  Destaca sen dúbida o seu traballo con Madonna, coa que fixeron no 2012 a xira completa de The MDNA Tour. Voces, tambores, teclas, efectos cósmicos e a tradición vasca máis pura forman este novo espectáculo de Kalakan, un antes e un despois na traxectoria da banda: 

Jamixel Bereau: voz, tambor, campás, pandeiro e teclados.
Xan Errotabehere: voz, alboka, frauta e teclados.
Bixente Etchegaray: voz, bombo, trompeta e teclados.

 

21H Lago do Xardín do Teatro| Nico Casal | ESGOTADO

 

 

Compositor e pianista galego, nado en Santiago de Compostela en 1985. Comezou no mundo da música á idade de oito anos. No 2004 trasladouse á cidade de Vigo para finalizar o Bacherol’ s Degree en Piano Performance. Nico Casal tomou a alternativa de centrarse na música de cinema. No 2011 comezou a estudar o máster en Música en composición de Moving Images no City University of London.

A súa dedicación á composición de obras musicais para cinema, levoulle no ano 2015 á creación da banda sonora para a curtametraxe Stutterer, gañador do Óscar no mesmo ano na categoría de Mellor Curtametraxe de acción. Tras unha tempada en Londres, segue moi unido laboralmente a esta cidade. 

Entre os seus traballos máis recentes atópanse a banda sonora da última serie de TNT Maricón perdido e a saída do seu primeiro disco Alone, un traballo que transita entre a música clásica, o jazz de Keith Jarrett  e a electrónica. Entre as películas para as que compuxo a banda sonora, hai que destacar María y los demás, ópera prima da directora catalá Nely Reguera; e La enfermedad del Domingo, de Ramón Salazar.

 

22H Praza Central | Xabier Díaz & Adufeiras de salitre | ESGOTADO

 

No ano 2015 editou The tambourine man xunto ás Adufeiras de Salitre, galardoado como o mellor disco galego nos Premios de la Música Independiente (2016) e o mellor álbum na categoría de música tradicional dos Premios Martín Códax da Música Galega (2016). Con el tamén obtivo o premio á mellor canción en galego da primeira edición dos premios aRitmar. Alén diso, The tambourine man, permitiulle manterse no top ten da World Music Charts Europe nos meses de febreiro e marzo de 2016. 

Desde a presentación de The Tambourine Man e con máis de 70 concertos ás costas en a penas dous anos, visitou Alxer, Oslo, Lorient, Le Chatre, Glasgow, Lisboa, Madrid ou Bruxelas. Presenta un espectáculo con 15 músicos en escena para un directo poderoso coa clara intención de revisar ao vivo o repertorio da gravación de Xabier Díaz e este grupo de 12 cantoras e percusionistas, acompañadas de Gutier Álvarez (violín e zanfona) e Javier Álvarez (acordeón diatónico). Humildes e poderosos a un tempo… Adufes, pandeiretas, cunchas, pandeiras… Todo un exército de parches para montar unha foliada de dimensións ciclópeas.