[De]construírnos en familia | 8M Día Internacional da Muller 2024

[De]construírnos é a nosa proposta para conmemorar en familia este 8M, Día internacional da Muller, cun divertido xogo no que derrubar estereotipos e construír unha sociedade igualitaria entre todas e todos. Nesta gran xincana por equipos, o Museo Centro Gaiás convértese nun taboleiro xigante e as persoas participantes nas fichas deste xogo pola igualdade. 

Ao longo do percorrido polas casas do taboleiro, o traballo en equipo será clave para avanzar nas diferentes probas e retos. Todos os desafíos están pensados para que, nesta data reivindicativa, descubramos dun xeito divertido os rostros, nomes e historias de mulleres referentes, rachemos prexuízos, tomemos conciencia de desigualdades nas que se cadra aínda non repararamos e coñezamos as contribucións do movemento feminista a unha sociedade máis xusta.

Derrubar prexuízos, construír a igualdade 

As persoas participantes formarán equipos integrados tanto por cativada como por persoas adultas e traballarán xuntas para completar o percorrido marcado no Museo Centro Gaiás. O obxectivo deste singular xogo de taboleiro será avanzar en equipo para chegar á casa final na que se creará un mural colectivo cunha mensaxe común que constrúa unha barreira contra o machismo.

Para participar é necesario inscribirse, de balde, no apartado 'Reservas' na columna da dereita. Cada reserva debe incluír como mínimo 1 persoa adulta + 1 nena/o (a partir de 3 anos de idade), e ata un máximo 5 persoas. As prazas son limitadas. Organízanse dúas quendas independentes da actividade, unha en horario de mañá —ás 11.00 horas— e outra en horario de tarde —a partir das 17h—. Podes reservar praza na que prefiras!