#CulturaLike3: Galicia Futura

Como falar de temas moi especializados para grandes audiencias? Cal é o papel actual das comunidades dixitais na difusión de coñecemento cultural e científico? Como combaten os bulos e a desinformación as persoas que de dedican á divulgación a través das redes? Nun tempo no que o debate sobre o acceso a información de calidade non deixa de gañar importancia e no que as plataformas sociais en liña supoñen poderosas fiestras ao mundo e ao coñecemento, profesionais de diferentes disciplinas consolídanse como referentes da divulgación en redes, axudando á poboación a comprender de maneira máis profunda cuestións culturais ou científicas.

En #CulturaLike3: Galicia Futura falaremos de novos modelos de comunicación da cultura e a ciencia cunha sesión dobre con profesionais de recoñecido prestixio profesional e con consolidadas comunidades nas súas plataformas dixitais. Ao fío da exposición Galicia futura o diálogo entre ciencia e cultura, a divulgación de contidos especializados e as ideas innovadoras que nos fan camiñar sobre "todo o que imos ser" serán eixos centrais dun encontro coordinado por dous grandes divulgadores, e comisario e comisaria da mostra: Miguel Ángel Cajigal (@ElBarroquista) e Deborah García Bello (@deborahciencia)

Na columna da dereita podes reservar a túa praza de balde para asistir presencialmente a cada unha das sesións ou ben podes seguilo en streaming a través da nosa canle de Youtube.

AVISO: Ambas sesións estarán conducidas por Deborah García Bello, ante a ausencia de Miguel Ángel Cajigal por motivos imprevistos de forza maior, que non poderá conducir a sesión da mañá como estaba previsto.

Sesión de mañá [11.00 h] 

Sesión de tarde [16.00 h] 

  • Conversa con Juan Manuel Bermúdez (@thermogramer)
  • Conversa con Gemma Rojo López (@gemmacurrelos)
  • Conversa con Laura Opazo (@laura_opazo)
  • Conversa a 4, con Deborah García Bello (@deborahciencia), Juan Manuel Bermúdez, Gemma Rojo López e Laura Opazo, en diálogo aberto co público.

Relator@s #Culturalike

Deborah García Bello | @deborahciencia

Química e divulgadora científica, investiga ciencia de materiais aplicados á arte contemporánea no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da Universidade da Coruña, é co-comisaria de Galicia futura, dirixe as xornadas Ciencia & Arte de Bilbao e forma parte do equipo de transferencia científica de L'Oréal. Traballa como divulgadora en TVE, La Sexta, TVG, Radio Nacional ou a Radio Galega. Autora dos libros Todo es cuestión de química, Que se le van las vitaminas e No tocar na Editorial Paidós, e do poemario Megalomanía na Editorial Vitruvio. Recibiu numerosos premios pola súa actividade divulgadora, entre eles o Premio Bitácoras, o Premio Prisma e o Premio Tesla. 

Espido Freire | @espidofreire

Debutou como escritora con “Irlanda” (Planeta, 1998, Premio Millepages), novela que suporía toda unha sorpresa na contorna literaria do momento. Ao ano seguinte consegue o Premio Planeta con “Melocotones helados” (1999), converténdose con 25 anos na gañadora de menor idade da historia do galardón. Suma nove novelas publicadas, ademais de libros de contos, novela xuvenil, libro ilustrado, ensaio ou obra teatral. Ten colaborado cos principais medios de prensa nacionais e na actualidade intervén regularmente en Radio Euskadi, La Ser, Antena 3 e publica en 20 minutos, National Geographic ou Harper’s Bazaar. A súa faceta dixital foi recoñecida co Premio Influencers á máis destacada figura cultural de 2018 pola revista do mesmo nome.

Sara Rubayo | La Gata Verde @sararubayo

Licenciada en Historia da Arte e coordinadora de exposicións, un día decidiu compartir co resto do mundo as investigacións que levaba a cabo por pura paixón. Cansa dos grises discursos académicos abriu en 2015 unha canle en YouTube para achegar a arte e a súa historia a persoas de todas as idades dun xeito ameno e rigoroso. A día de hoxe, esta canle conta con máis de 100.000 suscritores e nela difunde desde grandes clásicos da pintura ata as últimas tendencias da arte, pondo especial atención ao rescate de mulleres ás que a historia da arte relegou a un segundo nivel.

Tamara Pazos | @putamen_t

Graduada en Bioloxía pola Universidade da Coruña (UDC) e Máster de Neurociencia pola Universidade de Santiago de Compostela (USC), con especialidade na área cognitiva. Actualmente é doutoranda no programa de ciencias da saúde da UDC. Na súa tese investiga como empregar a divulgación científica como ferramenta de prevención de riscos sanitarios. A vocación por compartir coñecemento venlle da súa etapa estudiantil, consolidándose en 2012 ao co-fundar a asociación de divulgación científica Udcbigbang xunto a outros estudantes e profesores da facultade de ciencias da UDC. Actualmente ten o seu propio proxecto de divulgación en redes sociais sobre bioloxía, neurociencia e saúde.

 Juan Manuel Bermúdez | @thermogrammer

Doutor en Química Ambiental e Fundamental pola Universidade da Coruña. Actualmente, é Investigador Posdoutoral da Xunta de Galicia no Centro de Investigacións Científicas Avanzadas (CICA) da mesma universidade. A súa investigación baséase no desenvolvemento de novos materiais sólidos de refrixeración como unha alternativa ecolóxica e segura aos refrixerantes gaseosos que empregamos hoxe en día. Un proxecto innovador que pretende reducir amplamente as emisións de carbono no sector da refrixeración. Ademais, divulga sobre as propiedades térmicas de obxectos cotiás amosando imaxes térmográficas en redes sociais na súa canle @thermogramer.

Gemma Rojo López | @gemmacurrelos

Nada en Currelos (O Saviñao), aterrou na Coruña no 2007 para estudiar Enxeñería Técnica de Obras Públicas e aínda non marchou. Agora é tamén Enxeñeira de Camiños, Canais e Portos e está a realizar a súa tese de doutoramento no grupo de investigación gCons (Grupo de Construción) pertencente ao Centro de Innovación Tecnolóxica en Edificación e Enxeñería Civil (CITEEC), da Universidade da Coruña. O grupo centra parte das súas investigacións no desenvolvemento de formigóns máis sostibles, empregando todo canto residuo chega ás súas mans. Ademais, é profesora do Departamento de Enxeñería Civil. 

 Laura Opazo | @laura_opazo

Licenciada en Publicidade e RRPP e comunicadora especializada en moda, ámbito no que traballa desde 2001 en diversas áreas como comunicación, estilismo w marketing, o que lle ten dado unha visión holística do sector. Complementou a súa formación cun MBA de dirección e xestión de empresas en ISEM e un curso de moda sostible impartido por REAS e o Mercado Social de Madrid. En 2020 presentou o seu primeiro libro, Armario sostenible, sobre consumo intelixente e consciente. Actualmente compaxina o seu traballo en marketing digital coa colaboración en diversos medios como Canal Decasa, Eltiempo.es e EsRadio, onde coordina a sección Moda en Onda, no magazine A media luz.

.

 
Letras & Pensamento