Que acontece cando a pintura e a música se miran fronte a fronte?
Rafael Úbeda é un pintor sinestésico: escoita cores, ve melodías. Este concerto comentado, celebrado na propia sala da exposición, pretende achegarnos a un mundo no que a música e a pintura conflúen en harmonía, establecendo un diálogo entre a obra do artista e os sons que o inspiraron. A peza Homenaxe a Shostakovich, un dos cadros centrais da mostra, servirá de punto de partida para este encontro interdisciplinar.
O programa, organizado pola Asociación de Estudantes do CSM Vigo, inclúe dous cuartetos de corda: o nº 5 de Maddalena Lombardini Sirmen, exemplo temperán do xénero, e o nº 7 de Dmitri Shostakovich, unha obra de gran carga emocional e complexidade formal. Unha persoa comentadora contextualizará as pezas interpretadas, así como a relación de Rafael Úbeda coa música, favorecendo unha comprensión máis profunda da dimensión creativa do artista.
As pezas serán interpretadas polo Cuarteto Ars Corda, unha formación que naceu en 2024 a raíz da asignatura de Música de Cámara no Conservatorio Superior de Música de Vigo. Está integrado por Mateo Chávez e Clara Lorenzo aos violíns, Lucía Rodríguez á viola e Martín Parada ao violonchelo. O seu profesor principal é Mauro Mariño, aínda que tamén reciben clases maxistrais doutro profesorado no propio conservatorio onde se están a formar. Debutaron ante o público no concerto "Entre notas e silencios. Mulleres na música", un recital en homenaxe ao 8M no marco do X Festival Nas Ondas.


