Se che interesan a danza, o teatro e as artes vivas e queres vivir unha experiencia única, enrólate no Comando Dramatúrxico de Escenas do Cambio! Procuramos 6 persoas que queiran participar nun laboratorio/escola, que vai consistir en aprender (analizar), prender (motivar, contaxiar, amplificar) e emprender (propoñer, facer, actuar), compartindo unha experiencia intensa con todas as artistas que van presentar os seus espectáculos e actividades en Escenas do Cambio 2025.
O Comando Dramatúrxico non está enfocado como unha experiencia de voluntariado, senón como un laboratorio/escola de dramaturxismo, que estará dirixido polo dramaturgo, director de escena, profesor e escritor Afonso Becerra. Nesta ocasión vai estar acompañado por dúas ou tres persoas, provenientes doutros lugares, que se dedican á creación, á investigación e á curadoría e que, ademais, dirixen outros festivais.
Condicións e requisitos para participar:
- Ser maior de idade.
- Ter algúns coñecementos/experiencia en artes escénicas pero sobre todo que che guste escoitar, ver, reflexionar, facer, actuar e colaborar en equipos multidisciplinares e diversos.
- Ter dispoñibilidade para estar en Santiago de Compostela entre o xoves 8 e o domingo 11 de maio e intención de asistir aos espectáculos e actividades programadas en Escenas do Cambio 2025.
- Dispoñer dalgún tempo libre nas semanas anteriores ao festival, para manter unhas poucas reuniónes en liña coa finalidade de empezar a coñecerse e a planificar un bosquexo do que apetece facer, do que se pode facer e de como se pode facer.
- Enviar un CV breve (unha páxina de extensión máxima) e unha carta breve de motivación, na que se faga constar explicitamente o compromiso de asistir a todos os espectáculos e actividades de Escenas do Cambio, así como a dispoñibilidade de participar nas reunións previas ao festival, ao enderezo escenasdocambio.cdc@xunta.gal, antes do 3 de marzo ás 23:59 h.
Sendo parte do Comando Dramatúrxico terás:
- Acceso gratuíto a todos os espectáculos e actividades do festival Escenas do cambio 2025.
- Relación cos equipos artísticos.
- A experiencia de aprender formando grupo con artistas e persoas dedicadas á creació e á investigación, que ademais, dirixen outors festivais en diferentes contextos internacionais e que van estar dentro do Comando Dramatúrxico.
- A experiencia de participar nun laboratorio/escola para a creación dunha dramaturxia do festival, a través da conexión cos equipos artísticos que van presentar espectáculos e actividades, a través da análise e incluso da realización de propostas heteroxéneas que amplifiquen o que aconteza no festival. As persoas do Comando van ver os espectáculos e participar nas actividades, pero van facelo desde o coñecemento e a complicidade cos equipos artísticos, colaborando dramaturxicamente (a través de accións moi diversas, que dependen da escoita, da sensibilidade, das preferencias e das capacidades para aprender, prender e emprender).
- O Comando Dramatúrxico non é un espazo onde as funcións e participación das persoas estean definidas de antemán, nin no que estea xa trazado ao milímetro o que se vai facer. Pola contra, trátase dun espazo dinámico colaborativo e procesual. Serán as propias persoas do Comando, xunto ás artistas investigadoras, ao coordinador e á mesma directora do festival, os que irán trazando o que queren facer, o que poden facer e como o poden facer.
- Unha certificación expedida pola organización correspondente á túa participación.
Resolución e procedemento:
- A selección das persoas participantes no Comando Dramatúrxico será realizada pola directora do festival Escenas do cambio, Kirenia Martínez e polo responsable do laboratorio/escola, Afonso Becerra.
- As persoas participantes seleccionadas serán informadas a través do correo electrónico que faciliten na solicitude do resultado da mesma, o día 10 de marzo de 2025. Deberán confirmar a súa participación antes do día 14 de marzo, do contrario procederase a informar ás suplentes na orde de prelación considerada no proceso de valoración.
- Unha vez constituída e confirmada a relación de participantes, o responsable do Comando Dramatúrxico contactará vía correo electrónico para comezar o laboratorio/escola.
- As persoas seleccionadas para o Comando Dramatúrxico aceptan a realizar a captación e difusión de imaxes, fotografías, vídeos, vídeos con voz e material gráfico. A publicación das imaxes poderá realizarse a través de diferentes canles ou medios de difusión das actividades da Fundación, tales como a páxina web corporativa en www.cidadedacultura.gal, así como nas redes sociais vinculadas a esta, documentos ou memorias de actividades, trípticos, carteis ou montaxes multimedia de promoción de actividades. As imaxes serán conservadas durante o tempo necesario para a consecución das finalidades indicadas ou no seu caso, en tanto as persoas interesadas non retiren o consentimento outorgado.
- O tratamento de datos de carácter persoal que se poida realizar se fará con absoluto respecto das normas de seguridade, de acordo co establecido no Regulamente 2016/679 (UE) xeral de protección de datos persoais, e na Lei Orgánica 3/2018, de 5 de decembro, de Protección de Datos Persoais.
- A participación no Comando supón a aceptación total das condicións desta convocatoria. A organización resérvase o dereito de resolver, da forma que considere oportuna, calquera situación non prevista na mesma.


