Coa forza no falar | Letras Galegas no Gaiás 2025

No marco dunhas Letras Galegas dedicadas á poesía popular oral e á figura das nosas cantareiras, no Gaiás convidámosvos a un obradoiro familiar de cantigas tradicionais e percusión miúda para deconstruírmos xuntas as letras da tradición galega, propoñer outras novas e aprender a tocar con obxectos cotiáns: desde culleres ata cunchas. Unha divertida proposta para gozar en familia descubrindo a nosa tradición oral. Non quededes sen entrada! 

As pandeireteiras e cantareiras son símbolo de resistencia e sororidade: cantadoras, tocadoras e bailadoras lideraban seráns e foliadas e a súa figura foi fundamental na preservación e transmisión da nosa cultura popular oral. Porén, as cantigas tradicionais tiñan a miúdo nas súas letras unha compoñente sexista na que non sempre reparamos.

Partindo deste contexto, chega esta proposta especialmente concibida para público infantil e adolescente e pensada para realizar en familia. Comezando cunha análise con perspectiva de xénero de coplas do cancioneiro tradicional, as persoas participantes crearán xuntas novos textos baseados en conceptos de igualdade e non violencia. Todo isto acompañado da aprendizaxe de instrumentos de percusión miúda: elementos da vida cotiá como cunchas, culleres, botellas ou piñas, cos que acompañar musicalmente esta nova copla afastada dos estereotipos sexistas.

Re—cantos | Interpretación compartida de cantigas de Adolfina e Rosa 

Ao remate do obradoiro, as persoas participantes no mesmo —acompañadas de todas aquelas que visiten o Gaiás e se animen a sumarse a esta proposta— realizarán unha interpretación compartida dunha das cantigas das irmás Adolfina e Rosa Casás Rama. Unha actividade participativa que convida a cidadanía a unirse arredor da nosa música tradicional coa celebración das Letras Galegas como marco xeral.

Con este chamamento aberto a cantar xuntas nunha improvisada foliada e co acompañamento de percusión de man, procúrase poñer en valor a música tradicional e a súa transmisión interxeracional. A partir da actividade elaborarase un vídeo que será compartido posteriormente nas redes sociais da Cidade da Cultura, servindo como memoria audiovisual do evento e como ferramenta de difusión do patrimonio inmaterial galego.

*Fotografía da gráfica: Adolfina e Rosa Casás na Vila da Igrexa (Cerceda) retratadas por Dorothé Schubarth. Cedida polo: Fondo Schubarth-Santamarina. Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade (APOI) do Museo do Pobo Galego

O intanxible e o non mundo | Vídeo-creación de Mercedes Peón

Ademais, na sala de proxeccións do andar 0 do Museo proxectarase durante toda a fin de semana O intanxible e o non mundo, de Mercedes Peón. Unha peza de vídeo-creación que tivo a súa estrea efémera no festival Escenas do cambio 2025 na que a artista galega recupera documentos sonoros e visuais ao redor das tocadoras e os seus lugares de reunión para falarnos da súa importancia na tradición musical galega e da influencia que teñen na súa obra. Esta obra poderá verse o sábado 17 en horario especial de 10 a 23 horas e o domingo 18 no horario habitual de apertura do Museo, de 10 a 20 horas.

 
En familia
 
14 Mar 2026
De 11.00 a 14.00 e de 16.00 a 20.00 horas