Clásicas Desfeitas vol. 7 e 8 | «Canta máis luz, máis sombra»

Sor Juana Inés de la Cruz e Rosalía de Castro, figuras fundacionais das literaturas mexicana e galega, protagonizan os volumes 7 e 8 do ciclo Clásicas Desfeitas. Canta máis luz, máis sombra é o título deste díptico que se constrúe a partir do diálogo cruzado entre o Centro Dramático Galego (CDG) e a Compañía Nacional de Teatro de México (CNT). Ambas producións desenvólvense dentro do programa de Residencias Artísticas do Gaiás – REGA23.

Aurora Cano, directora artística da CNT, levará á escena a súa interpretación contemporánea sobre os textos da poeta de Padrón cun elenco de artistas de Galicia. Pola súa parte, o director do CDG, Fran Núñez será o encargado de conducir sobre o escenario ás actrices e actores da compañía mexicana para traer ao século XXI o legado literario de sor Juana Inés, unha das figuras máis destacadas das letras hispanoamericanas do século XVII.

O resultado vai ser representado os días 23 e 24 de marzo no Edificio Fontán da Cidade da Cultura. As entradas poden adquirirse a un prezo de 9€ en Ataquilla e no despacho de billetes do Museo Centro Gaiás.

 

Aurora Cano

Aurora CanoDirectora artística da Compañía Nacional de Teatro de México. Estudou no Núcleo de Estudios Teatrales de México e posteriormente en The Method Studio de Londres e o Madingley Hall da Universidade de Cambridge, Inglaterra. En 2013 foi beneficiaria do programa de residencias artísticas do FONCA para realizar unha investigación como directora invitada na Real Escuela de Arte Dramático de Madrid.

Directora da compañía mexicana Teatro de Babel, ten participado como directora e actriz nunha gran variedade de postas en escena. Traduciu e adaptou diversos textos, especializándose nas paráfrases contemporáneas de clásicos. Ten levado a escena montaxes en colaboración co Reino Unido, Alemaña, Estados Unidos, Arxentina, España, Chile, Finlandia, Australia, Francia e Suíza, situando a Teatro de Babel como unha das compañías teatrais máis relevantes en termos de colaboración internacional.

En 2004, xunto con Nicolás Alvarado, crea o DramaFest, o festival internacional especializado en teatro contemporáneo máis importante de México, que dirixe ata o día de hoxe.

Pola súa vinculación coa escritura contemporánea, foi convidada como observadora do programa de “Lark Theatre” de Nova York. Como actriz traballou en máis de 30 montaxes, e como directora levou a escena diversos proxectos de dramaturgos contemporáneos, paráfrases de obras clásicas e textos da súa autoría, entre eles Hysteria, Lady Hamlet, Cervantes versos Shakesperare e, recentemente, Moscú.

Fran Núñez

Fran NúñezDirector do Centro Dramático Galego. Conta cunha ampla formación académica que abrangue a economía, a publicidade e as artes escénicas (Titulado Superior en Arte Dramática pola ESAD de Galicia e Mestrado en Artes Escénicas e Teoría do Espectáculo pola Universidade do País Vasco) que completou con estancias en Austria, Croacia, Arxentina, Francia, Brasil e Portugal.

Fundador de Limiar teatro e Teatro del Hereje, ten asumido diferentes roles en proxectos producidos e co-producidos por compañías tanto públicas como privadas de España, Francia, Brasil, Uruguai, Arxentina ou Portugal entre as que destacan o Centro Dramático Galego, Teatro de la Zarzuela, Orquesta Sinfónica de Galicia, Goliardos, Teatro Español de Madrid, Ship of Fools, Boccaccione ou Teatro Nacional D. Maria II de Lisboa.

Cabe destacar a súa participación como director de escena en numerosos proxectos internacionais e comunitarios como He-Arts dentro do Festival Mapping me de Medina del Campo con estruturas de Eslovenia, Francia, Italia, Grecia, Suecia, Albania e Bulgaria. Ao longo dos anos realizou numerosas intervencións escénicas en patrimonio histórico (Castelo de Soutomaior, Pontevedra), Igrexa de Santiago en Medina de Ríoseco (Valladolid) ou o Palacio de Dueñas en Medina del Campo (Valladolid).

Na actualidade compaxina o seu traballo como director artístico do CDG coa actividade investigadora nas universidades de Santiago de Compostela, Vigo e Valladolid.

 
Música & Escena