A Cidade Imaxinaria volve ao Gaiás para facer do monte un lugar de ensoño: cadeiras que cantan, animais xigantes, acrobacias imposibles, xogos para deter o tempo e pequenas marabillas para que goce xente miúda e grande. Este 6 de setembro de 17:00h a 22:00 a cativada colle o mando da Cidade da Cultura para convertela nun lugar cheo de maxia.
Unha tarde de sábado para pechar o verán por todo o alto. 15 propostas entre as que atopamos espectáculos fixos, itineracias, zonas de xogos e estimulación da creatividade. Haberá tamén un espazo gastronómico para familias.

Celebrada entre 2011 e 2019, a Cidade imaxinaria é unha das citas clásicas da programación infantil do Gaiás, congregando a milleiros de familias ao longo das súas once edicións previas. En 2023 retomouse tras un parón durante e pandemia e no 2024, a diferencia doutros anos, as actividades concentraranse nunha xornada de tarde. Neste 2025, as actividades comezan e rematar unha hora mais tarde (de 17:00h a 22:00h) para que os nenos e nenas máis maiores poidan gozar dun espectáculo adaptado as súas idades á noitiña.




