Animais xigantes, acrobacias increíbles, maxia, música, obxectos que se transforman en instrumentos, xogos, creación... todo isto e moito máis é o que che agarda en Cidade Imaxinaria o vindeiro sábado 6 de setembro de 17,00 h. a 22,00 h.
Unha xornada para gozar no Gaiás e celebrar a volta das vacacións por todo o alto. Con entrada libre e de balde, haberá tres espectáculos de pista con escenario fixo e distintos pases, seis espectáculos en formato pasarrúa, que percorrerán a Cidade da Cultura e cinco zonas de xogo e actividades.

ESPECTÁCULOS DE PISTA
![]() |
TIME TO LOOP (Dúo Kaos – Italia / Guatemala) – Acrobacias Un espectáculo de acrobacias sobre o equilibrio entre construír e destruír, no que dous personaxes exploran o movemento, o xogo e o amor ata crear xuntos o bucle perfecto que consegue a harmonía |
![]() |
GOTA (Txema Muñoz - Cataluña) – Maxia e clown Maxia e clown mestúranse nun mundo onde a choiva desapareceu e só quedan lembranzas. Un espectáculo cheo de ilusións, humor e fantasía no que todo pode xurdir do inesperado e do absurdo. |
![]() |
TARTANA (Trocos Lucos - Madrid) – Acrobacias Humor, risco e acrobacias únense arredor dunha furgoneta convertida en escenario. Un espectáculo vibrante con báscula coreana, equilibrios e situacións inesperadas que combinan risa e vertixe. |
ESPECTÁCULOS ITINERANTES
![]() |
GRAN CUARTETO BOCAPRIER (Familia Bocaprier – Galicia) – Música A Familia Bocaprier, músicos pouco convencionais, chegan á vila co seu Gran Cuarteto. Un espectáculo cheo de ritmo, humor, coreografías e mestura de estilos que contaxia enerxía e diversión ao público. |
![]() |
MI GRAN CARACOL (Ángeles de trapo - Málaga) – Teatro de rúa Un caracol xigante de madeira percorre os camiños cun inventor nos seus adentros. Coa axuda do público e dun amigo explorador, prepárase para iniciar unha emocionante viaxe arredor do mundo. |
![]() |
BAÑISTAS (Bambolea Producciones - Madrid) – Animación de rúa Os artistas interrompen momentáneamente as súas vacacións para achegarse ata a Cidade Imaxinaria e contaxiar a todo o público a enerxía que están recibindo do sol. Un pasarrúas divertido e, sobre todo, moi refrescante!
|
![]() |
REAL BANDA DAS CADEIRAS ENCARTABLES (Bufa & Sons - Galicia) – Música Cadeiras ao lombo e obxectos cotiáns convértense en instrumentos musicais nun espectáculo itinerante que mestura música, humor e imaxinación para crear unha experiencia sonora e visual única e sorprendente. |
![]() |
BISCORNU (Picto Facto - Francia) – Animación de rúa Seis marionetas xigantes, iluminadas e móbiles, acompañadas por saltimbanquis, crean un espectáculo máxico que transforma o cotián en momentos cheos de humor, ternura e encanto visual.
|
ZONAS DE XOGO E ACTIVIDADES
![]() |
ESPAZO SENSORIAL PARA BEBÉS (Risotadas – Galicia) – Instalación Espazo para a exploración da cativada de 0 a 3 anos mediante estímulos visuais, sonoros e táctiles que fomentan a curiosidade dende os primeiros meses. Unha experiencia que promove o benestar emocional e fortalece o vínculo afectivo. |
![]() |
ESCOLIÑA DE CIRCO (Pistacatro - Galicia) - Instalación Un obradoiro para indagar os talentos e as habilidades circenses da cativada en familia. Este espazo educativo e lúdico promove o desenvolvemento integral a través do xogo, a creatividade e a aprendizaxe activa. |
![]() |
XOGOS TRADICIONAIS(Miudiño - Galicia) – Espazo de xogo Un espazo cheo de xogos tradicionais no que se poden atopar zancos, aros, a ferradura, tiracoios, construcións… Esta proposta aposta polo xogo libre con materiais naturais e de calidade
|
![]() |
MURAL COLABORATIVO ANTIPOLUCIÓN (Vella Escola – Galicia) – Obradoiro Un obradoiro para realizar un mural en conxunto con temática medioambiental e espertar a creatividade da cativada na que se utilizarán pinturas fotocatalíticas que depuran o aire. Durante o obradoiro pintarase unha superficie aproximada de 15 m², o que supón un impacto ambiental similar ao de plantar 15 árbores.
|
![]() |
EXHIBICIÓN DE PAPAVENTOS (Velaivai | Galicia) - Javivi Kites (Andalucía) - Torbellino y ventolera (Madrid) Cometas xigantes con formas mariñas, pantasmas voadoras e cintas chinesas para celebrar a tradición dos papaventos. O ceo encherase de cor e movemento cun espectáculo único no que enormes cometas de máis de 25 metros voarán sobre as nosas cabezas. |
FUNCIÓNS MUSICAIS
|
FREED FROM DESIRE (Supertronik Bootleg – Portugal) – Música Cinco seres extraplanetarios descobren unha antiga casete en Marte. A cinta, gravada en 1997, contiña unha mestura coa mellor música do planeta Terra. Máis de vinte anos despois, estes seres inician a reprodución do material descoberto na procura da colonización da raza humana a través do ritmo. |
















