Se cres que a túa familia xa o ten visto todo e de todo en Cidade Imaxinaria, a do sábado 25 de agosto vaiche resultar sorprendente!
Criaturas fascinantes (dragosaurios!) de cinco metros de altura corricando pillabanas pola Praza Central da Cidade da Cultura —na procura de xogos e diversión coa túa cativada— e arriscados números acrobáticos no cumio de rodas xigantes serán algunhas das espectaculares propostas que despregaremos durante catro horas interrompidas.
Con elas transportarémoste xunto os teus pequenos e pequenas ao mundo máxico, de ilusión, xogo e diversión que garante sempre —e isto si que non é novidade— esta tarde familiar e de verán no Gaiás.
Esta viaxe por mundos máxicos tamén a é para os máis pequechos e pequechas da casa, xa que haberá un espazo para bebés —de 0 a 3 anos de idade— con xogos de estimulación e tamén pensado como área de descanso e relax.
O que non vai faltar nesta Cidade Imaxinaria é a demandada e exitosa escola de circo que permite descubrir o grande acróbata, malabarista ou equilibrista que todo neno e nena leva dentro. E para repor folgos e enerxías, contarase coma sempre con postos de comida e larpeiradas, porque do bo nunca se debe prescindir. Agardámoste!
ESPAZO ESCÉNICO CIDADE IMAXINARIA
- Monitoleando | Pistacatro [16:30 a 17:15 h]
- Ulterior... A viaxe | Titirantes [17:15 a 18:15 h]
- Express | Faltan 7 [18:15 a 19:00 h]
- Nómadas | Kanbahiota [19:00 a 20:00 h]
ESPAZOS LÚDICOS PARA IMAXINAR [16-20h]
- Escola de Saltimbanquis | Pistacatro
- O bosque dos sentidos [Espazo de estimulación sensorial para bebés 0-3 anos)]
- A xogar á rúa | Cia Esfera
- Os xogos do Hélder
- Fantasías pola cara | Barafunda
GUÍA CIDADE IMAXINARIA VERÁN 2018, PREME AQUÍ!

884.56 KB |