Cidade Imaxinaria 2016

Equilibristas, malabaristas, trapecistas e personaxes do máis curioso daranse cita o sábado 20 de agosto, cando o Gaiás volverá converterse nunha Cidade Imaxinaria. A praza central acollerá de 11:00 a 20:30 horas un programa cheo de espectáculos, xogos e obradoiros cos que viaxar ao mundo do circo e da fantasía, cunha pequena chiscadela á maxia, aos sons e ás cores de Oriente.

Cidade Imaxinaria 2016 ofrecerá varios espectáculos que nos introducirán no mundo do circo. Das habilidades no trapecio das irmás Bambalas aos equilibrios do Cabaret elegante. Ademais, Cidade Imaxinaria contará cunha Escola de Circo na que converterse no rei da pista.

A cor e a maxia envolverán todo o recinto do Gaiás cos espectáculos itinerantes que animarán durante todo o día esta sexta edición de Cidade Imaxinaria. Con Oopart viaxaremos no tempo cunha tripulación do máis especial, Pete & Pat devolveranos ao mundo do cine mudo co seu piano-bicleta que en cada parada se converte nun pequeno teatriño, escacharemos coa risa cos Traps, uns simpáticos dragóns confeccionados con centos de teas; e bailaremos ao ritmo dos Bregadiers. Ademais, Cidade Imaxinaria achegarase aos aromas, cores e ritmos de Oriente con Bangaluru. Encabezado por Airavata, unha elefanta sagrada, celebraremos a festa das cores, que inundará a atmosfera de música e sons. Mahant, domador e mestre de cerimonias, dirixirá o espectáculo e ao seu redor os Mandharas deleitarannos coas súas danzas, equilibrios e acrobacias en zancos.

E como en todas as edicións, os xogos serán os protagonistas da praza central. No Garabato de bicicletas xogaremos con diferentes bambáns elaborados con estes vehículos a dúas rodas, con Trans Ludo Express crearemos a nosa propia rede ferroviaria, e demostraremos o noso enxeño ao superar as difíciles probas do Corazón xigante e da Berdinguette. Ademais, os máis pequenos –de 1 a 6 anos- terán o seu propio espazo: o Illote dos Cativos, con máis de 20 xogos tradicionais e insólitos cos que espertar a súa imaxinación e creatividade. Os amantes de superar retos e probas terán a oportunidade de xogar na Xincana Con-fío en Galicia, na que descubrir a importancia da historia do téxtil en Galicia superando as diferentes etapas que se sucederán no Xardín Literario.

E para rematar, ‘Cidade Imaxinaria’ celebrará un flasmob ao máis puro estilo Bollywood. Tras aprender uns sinxelos pasos da man de Martha Franco e as súas bailarinas, todos os asistentes terán a oportunidade de participar nunha espectacular coreografía colectiva.