Dous personaxes, dous camiños, dúas miradas: as de Afonso Daniel Rodríguez Castelao e Boris Savelev. A proposta escénica Olladas converxentes, de Oístes? Teatro en coprodución con Teatro En Punto, presenta unha obra inmersiva, creada especificamente para o segundo andar do Museo Centro Gaiás, que acolle neste momento as exposicións Castelao. Mirar por Galicia e Boris Savelev. Viewfinder, unha forma de mirar.
Dous corpos, un andar e un espazo museístico convertido en escenario vivo, onde o público se move libremente e se ve mergullado nunha acción dramática que se desenvolve en paralelo e simultaneamente en distintos puntos da sala. Cun elenco composto por Tyler McKechnie e Gloria Rico, esta peza semi-improvisada inspírase nas vidas e obras de Castelao e Savelev, máis próximas do que poidan semellar grazas aos seus trazos atemporais e universais.
Unha proposta onde o desprazamento e a participación activa do público, así como o contraste entre luz e escuridade —real e metafórico—, teñen un forte protagonismo nunha peza que procura superar os esquemas tradicionais de divulgación museística, dando vida ao contido expositivo ao integrar teatro e museo nun formato non convencional.
Haberá cinco representacións de Olladas converxentes: os días 18 e 25 de outubro ás 19:00 horas; o 19, 26 de outubro e 2 de novembro ás 12:30 horas. Para asistir é necesario reservar praza, de maneira gratuíta, no cadro da columna da dereita.

Gaiás inspira
Con Olladas converxentes a Cidade da Cultura dá comezo a Gaiás_Inspira, unha nova liña de programación que abrangue diferentes actividades divulgativas, lúdicas e didácticas ao redor das exposicións do Museo Centro Gaiás, dirixidas tanto a público adulto como infantil e xuvenil, con propostas innovadoras que converten as salas do Museo nun espazo vivo, aberto á participación do público, ao xogo, e á aprendizaxe compartida.

 
              