Carlos Núñez. Tributo a Alan Lomax

No seu primeiro concerto na Cidade da Cultura, Carlos Núñez quere ofrecernos algo moi especial: o concerto co que abriu os actos na Library of Congress de Washington, en homenaxe ao folklorista máis importante do século XX, Alan Lomax, no centenario do seu nacemento.

Quen foi Alan Lomax ? O primeiro, por exemplo, en gravar a Muddy Waters. As súas gravacións de campo foron versionadas por Aaron Copland, Led Zeppelin, ou Johnny Cash. Lomax era tamén un namorado da música de Galicia desde que a visitou cando se mudou a Europa nos anos 50 fuxindo da caza de bruxas anticomunista nos Estados Unidos. Grazas a el se produciu unha das primeiras gravacións verdadeiramente universais baseadas en música galega: The Pan Piper do Sketches of Spain (1960) de Miles Davis, gravado orixinalmente por Lomax como Alborada de Vigo.

Como Carlos Núñez, Alan Lomax cría na conexión celta da música galega e tamén na importancia que para ésta tivo o Camiño de Santiago. O seu cicerone aquí foi o este ano homenaxeado Filgueira Valverde e algúns dos informantes que Lomax gravou e que aínda viven actuarán no concerto.

Grazas á colaboración da Library of Congress e a familia e arquivo Lomax, Carlos Núñez, o seu grupo e varios novos valores da nosa música, acompañarán en directo algunhas das máis sobranceiras gravación galegas de Lomax, mentres se proxectan algunhas das fotos que el mesmo tomou en Galicia e se le unha escolma dos seus cadernos de notas, que son verdadeiras xoias ("un Hemingway que escribía sobre música") e no caso dos que fan referencia a Galicia permanecen inéditos.

E coñecendo os concertos de Carlos Núñez en Galicia, con certeza haberá máis sorpresas!