Ringleiras de andeis ateigados de libros, incunables, publicacións e facsímiles únicos conservados e custodiados en grandes e modernos depósitos. Quizais esta sexa a imaxe que proxecte a Biblioteca de Galicia —situada no complexo da Cidade da Cultura— no maxín colectivo, pero a súa importante función de recuperar, recoller e conservar o patrimonio bibliografíco galego vai moito máis aló da imaxe de grande almacén cultural.
A Biblioteca de Galicia ten unha abraiante faciana virtual e en liña, que permite non só unha fascinante e cativadora viaxe no tempo cun só clic e desde a casa, senón que posibilita que calquera poida —desde a comodidade do seu fogar e dos manexos dos seus tempos— ter acceso a publicacións, edicións ou documentos dun gran valor patrimonial.
Deste xeito, a Biblioteca de Galicia convértese nunha enorme fiestra virtual cultural e social, desde a que nos podemos asomar ao fervedoiro literario e político galego do século XIX, a través do primeiro número de O tío Marcos d'a Portela; ou declamar "Nasín candos as prantas nasen" desde as páxinas da primeira e valiosa edición de Cantares Gallegos; ou redescubrir o web que tanto nos gustaba dese museo, blog ou xornal agora inactivo ou pechado.

VISITAS VIRTUAIS ÁS EXPOSICIÓNS
Un axexo virtual que tamén nos permite percorrer desde o noso móbil, tableta ou ordenador as súas sempre coidadas exposicións. Deste xeito, só a fina pantalla dos nosos dispositivos nos separa dunha publicación ou obxecto únicos de figuras senlleiras como Rosalía de Castro, Manuel Antonio ou Antonio Fraguas ou de fermosas e irrepetibles edicións facsimilares da nosa literatura, e tamén da portuguesa, sempre irmandada, tamén nesta institución.
Ademais da visita en liña ás exposicións, a Biblioteca de Galicia tamén ofrece no seu web unha visita virtual as súas instalacións e dá acceso a unha parte moi importante do seu fondo dixitalizado a través de Galiciana, a Biblioteca Dixital de Galicia.
GALICIANA-BDG
Galiciana-BDG é un proxecto xestionado pola Biblioteca de Galicia no que se poden consultar máis de dous millóns de páxinas dixitalizadas, non só de fondos da propia biblioteca, senón tamén doutras institucións da memoria de Galicia que destacan polo fondo patrimonial que custodian.
Así, en Galiciana-BDG pódense consultar obras dixitalizadas procedentes da Biblioteca da Universidade de Santiago de Compostela, do Museo do Pobo Galego ou da Fundación Penzol. Precisamente, nestes días acaban de incorporarse a Galiciana-BDG 76 novos títulos de periódicos e revistas da colección hemerográfica da Real Academia Galega.
VIAXAR AO SÉCULO XIX
Galiciana-Biblioteca Dixital reúne neste novo micrositio, ao redor de 900 títulos de monografías e publicacións periódicas, produto da dixitalización dos fondos da Real Academia Galega.
A Biblioteca da Real Academia Galega conta con importantes fondos que resultan imprescindibles para o estudo da cultura galega, como a súa sección de Hemeroteca. Nesta sección consérvanse fondos de máis de 2.500 cabeceiras de revistas publicadas ao longo dun período de 200 anos, 76 destes títulos de publicacións periódicas acaban de ser dixitalizados.
A selección que fixo a Real Academia reúne títulos tan significativos da prensa galega como O Tío Marcos d'A Portela, As Burgas ou Mondariz. Por outra parte, foron seleccionadas un conxunto de revistas americanas, editadas as máis delas polas colectividades galegas que viviron na emigración cubana e arxentina a finais do século XIX e principios do XX, como o Boletín oficial del Centro Gallego de Buenos Aires, Eco de Galicia ou Follas novas. En total foron dixitalizadas nesta primeira quenda máis de 135.000 páxinas que contan cun proceso de OCR que permitirá a busca a texto completo.
CLÁSICOS GALEGOS EN EPUB QUE NON PASAN DE MODA
Hai dous anos, a Biblioteca de Galicia considerou enriquecedor para Galiciana-BDG incluír novos formatos, como o ePub, coa intención de favorecer a difusión das obras patrimoniais galegas e facilitar o acceso á información dos usuarios e usuarias desde diferentes dispositivos. Este proxecto púxose en marcha nunha primeira quenda sobre unha pequena selección de obras clásicas da literatura galega coa intención de seguir ampliando esta colección nos próximos proxectos de dixitalización impulsados desde a Dirección Xeral de Políticas Culturais.
Rosalía de Castro, Curros Enríquez ou Pondal seguro quedarían perplexos ao coñecer que non é necesario o papel para ler os seus traballos ou que libros como Cantares gallegos continúa a espertar interese máis de 150 anos despois da súa publicación, ata o punto de se converter na obra máis descargada en 2020 no portal online Galiciana da Biblioteca de Galicia. Esta coñecida obra póetica da escritora galega máis universal foi publicada na senlleira data do 17 de maio de 1863 e, en pleno século XXI, está a rexistrar o maior número de descargas neste portal para a súa lectura en tabletas, e-readers ou móbiles. Isto é posible grazas ao micrositio Grandes Clásicos da Literatura Galega, no que se ofertan neste intre 30 títulos en formato ePub, o que permite a súa descarga libre e gratuíta e a súa lectura en múltiples dispositivos.
Neste momento, están dispoñibles para a súa descarga 30 títulos de autores e autoras fundamentais na historia da literatura galega, como Rosalía de Castro, Curros Enríquez, Eduardo Pondal, Marcial Valladares, Lamas Carvajal, Sofía Casanova, Antón Villar Ponte ou Alejandro Pérez Lugín. Dos grandes autores do Rexurdimento —Rosalía, Pondal e Curros— transformáronse a formato ePub os seus títulos máis significativos e procurouse tomar como referencia as primeiras edicións desas obras.
OS WEB TAMÉN SE ARQUIVAN!
A Biblioteca de Galicia non só se interesa por facer chegar o pasado ao presente, senón de
conservar este noso presente para o mañá, inmediato ou de xeracións futuras. Por este motivo, desde 2015 gardar toda a información de interese cultural, político e social que se conserva en Internet. Esta inxente e importante tarefa lévaa a cabo en colaboración coa Biblioteca Nacional de España, que creou o Arquivo da Web Española, que consiste na recolección e conservación da información que se xera na Internet.
A consulta destes contidos colleitados só se pode facer desde a sede da Biblioteca de Galicia, a da BNE e as do resto de bibliotecas de conservación autonómicas. Pero desde Internet é posible consultar na web http://www.dl-e.es/openwayback/wayback se un sitio en concreto foi arquivado, cando e cantas veces.
CONTIDOS DE INTERESE HISTÓRICO-SOCIAL | CRISE DO COVID-19
Precisamente, neste criterio de priorizar o arquivo de contidos webs de interese cultural e tamén social, a Biblioteca de Galicia está a colaborar activamente coa Biblioteca Nacional de España na recolección da información que se está a xerar estes días na Internet en relación coa crise do coronavirus.
Estanse a colleitar os sitios web de organismos públicos, noticias de medios de comunicación e redes sociais, entre outros, con contidos relacionados coa pandemia do COVID-19 e os seus efectos en Galicia. As web que se se colleitan son as que conteñen información científica, medidas de prevención, cuestións relacionadas co confinamento e as propostas que xorden en relación coa cultura, coa educación e co resto de aspectos sociais.
