Nesta terceira convocatoria de axudas para o desenvolvemento das Residencias Artísticas do Gaiás (Axudas REGA) resultaron seleccionados os seguintes proxectos artísticos, que desenvolverán a súa residencia de traballo na Cidade da Cultura entre os meses de setembro e novembro de 2024. Finalizada a súa estadía, o resultado de cada un darase a coñecer de maneira pública, e poderá chegar a formar parte da programación da Cidade da Cultura.

EXERCICIOS SONOROS DE CARTOGRAFÍA INVERSA
Os músicos Pablo Seoane e Macarena Montesinos desenvolverán durante a súa estadía no Gaiás un proxecto que suscita a creación dunha obra musical e un artefacto audiovisual a partir da relectura da colección de cartas náuticas e mapas topográficos da costa galega conservados na Biblioteca e Arquivo de Galicia e dispoñibles na Biblioteca Dixital de Galicia, que van dende o ano 1603 ao século XX.
Exercicios sonoros de cartografía inversa explora a relación transfronteiriza dos mapas, do territorio e da realidade, ao tempo que investiga novos sistemas de representación e notación musical. Os artistas teñen intención de compartir o proceso cun concerto/instalación na Cidade da Cultura, onde reside o acervo que serve de base para esta creación artística.
Tanto Macarena Montesinos como Pablo Seoane son músicos cunha ampla e recoñecida traxectoria dentro e fóra de Galicia, principalmente vencellada á improvisación, a performance, a música contemporánea e experimental e o jazz. Ambos teñen frecuentado espazos fronteirizos entre a música e outras disciplinas, sendo o exemplo máis recente a interpretación en setembro de 2023 da peza orixinal de Seoane Cicerón tira os dados e sáelle Venus, obra na que os elementos plásticos e gráficos e as técnicas de lectura non convencional son de capital importancia.
DEUS TE LIVRE
Deus te livre propón crear unha instalación a través de diferentes medios e soportes combinando o téxtil, o vídeo, o audio e a performance para reflexionar sobre as analoxías culturais transfronteirizas galega e portuguesa, á vez que se establece un paralelismo entre a figura de Fernando Pessoa e o autor da proposta, Sergio Díaz Marey, que serve como base de investigación das representacións LGTBI+.
O proxecto parte dunha vinculación intrínseca co medio e co contexto rural labrego da montaña lucense, favorecendo un discurso plástico que xorde dunha visión politíca e social de Galicia. A peza destacará os elementos históricos, lingüísticos, culturais e económicos que comparten Galicia e Portugal, reflexionando sobre os lazos que nos unen máis aló das fronteiras políticas.
Sergio Díaz Marey (Pol, Lugo) é un artista que traballa desde múltiples disciplinas aspectos que tocan á sociedade, en especial aqueles que teñen que ver coa diversidade de xénero e sexual, amosando ao tempo a riqueza cultural de Galicia. Entre as súas últimas pezas sobresae Cruceiro a Santa Librada e demais mártires disidentes, peza gañadora da XIII Edición dos Premios Auditorio de Galicia, ou Todo o mundo é contra min-he peza performativa que desenvolveu durante as Residencias Paraíso 2024.
CA-CO-FLEX
CA-CO-FLEX é un proxecto de artes escénicas que trata a temática do acceso á vivenda nas vilas e cidades de Galicia na actualidade, e particularmente as dificultades para independizarse e vivir con autonomía que sofre a denominada “xeración millenial”. A precariedade laboral e a carestía dos alugueres fan que persoas que superan a trintena se vexan obrigadas a compartir pisos pequenos e a contemplar opcións con denominacións eufemísticas como “co-living” ou “flex-working”.
O proxecto propón unha reflexión sobre esta cuestión de carácter social a través dunha investigación que constrúe espazos escénicos arquitectónicos a partir do cartón como material e como elemento poético.
O equipo que desenvolve o proxecto está formado por Isabel Fernández no apartado de creación e dirección, a artesá Julia Marín no deseño do espazo escénico, e as actrices e actores novos (e tamén creadores) Ziggi Iglesias, Alixa Ladson, Mateo Rodríguez, Lúa Pagán e Hugo González. A proposta inclúe unha mostra do traballo realizado que lles achegará visibilidade como equipo, ademais de abrir un debate público arredor da temática que denuncian.
TÉXTIL SUSPENDIDO
A deseñadora de moda María Barros investiga en Téxtil suspendido as posibilidades que ofrecen diferentes disciplinas creativas xunto coas técnicas da alta costura para materializar unha serie de figuras escultóricas colgantes, tridimensionais e con movemento. Os obxectivos da residencia no Gaiás son realizar un libro e a súa versión dixital para compartir os resultados do proceso de investigación de maneira pública, e crear entre tres e cinco “téxtiles suspendidos”.
Graduada en deseño de moda no Instituto Europeo di Design di Milán cunha tese dirixida por Franca Sozzani, directora de Vogue Italia, a coruñesa María Barros completou a súa formación con estudos en xestión de proxectos culturais e artísticos (EOI), texidos intelixentes, tecnoloxía téxtil e o Grao en Artes que cursa actualmente na Universitat Oberta de Catalunya. Desde o 2003 traballa como deseñadora freelance e crea tamén a súa propia marca de roupa. Ademais, traballou para as firmas de Carolina Herrera, Roberto Cavalli, Pupi Solari ou Modesto Lomba. Desde 2012 forma parte da Asociación de Creadores de Moda de España, ACME.



