Este verán o ciclo de concertos Atardecer no Gaiás trae o mellorciño da escena galega (e tamén algunha banda de fóra) para gozar dunha ducia de solpores con boa música ao aire libre nas tardiñas dos xoves e venres entre o 2 de xullo e o 14 de agosto. Entre as 14 bandas que reuniremos na praza central da Cidade da Cultura este verán temos representantes do novo tradi galego, grupos de rock para sacudir a melena, de punk rock e pop para saltar e bailar e tamén un bo feixe de rap, ritmos urbanos e electrónica.
Todos os concertos son de acceso libre a gratuíto e comezarán ás 21:00 horas. No caso de que a previsión meteorolóxica impida facelos na praza, buscaremos unha alternativa ao acubillo para que a música non pare!
Arrincamos o xoves 2 de xullo co inclasificable Carlangas, que está a presentar o seu terceiro álbum en solitario tras a separación de Novedades Carminha, e o venres día 3 co gañador do primeiro premio na categoría de Música do Xuventude Crea 2025, Marrit. O rapeiro de Muros 9Louro subirá ao escenario do Gaiás na semana seguinte (9 xullo) con Amorrer, o seu segundo traballo. Trap, electrónica e melodías intensas que dialogan coa música urbana global sen perder o acento galego.
Nos atardeceres do 16 e do 17 de xullo o novo tradi galego é o protagonista con Maricarme e Unto Vello, dous grupos que afondan e recuperan a tradición oral para crear novos arranxos e composicións propias. O xoves 23 subimos o volume con Bala, o dúo de stoner rock composto pola coruñesa Ánxela Baltar e a lucense Violeta Mosquera; e pechamos o mes de xullo cunha das novas voces da canción de autora en Galicia, Sheila Patricia (30 de xullo) e cos chimpos que prometen facernos dar Lisdexia o venres 31 coreando os seus temas de punk rock.
O eclipse e rap para pechar Atardecer no Gaiás
Xa metidos no mes de agosto, a primeira semana empeza con guitarras e distorsión, as do grupo compostelán Dogo (xoves 6 agosto), que se moven entre o noise-rock e o post-punk. Adiantamos o seguinte Atardecer no Gaiás ao mércores 12 de agosto para que o dúo de electrónica Galician Army poida poñerlle ritmo ao evento astronómico do ano: o eclipse total de sol que se poderá ver tamén na Cidade da Cultura (co permiso das nubes).
Na tarde seguinte, o xoves 13 de agosto terá lugar a segunda edición do Atardecer Fest, unha cita con tres voces destacadas do rap actual que anunciaremos proximamente. E xa para rematar, o venres 14 coñeceremos e bailaremos o electro-mamarracho —o nome puxérono eles mesmos— de Turista Sueca, un trío nacido en Barcelona pero con raíces en Galicia, País Vasco e Andalucía.
Cervezas Alhambra colabora un ano máis con Atardecer no Gaiás, reafirmando así o seu compromiso coas experiencias únicas que convidan a gozar sen présa, dedicándolle a cada momento o tempo que merece.
ATARDECER NO GAIÁS - XULLO 2026
![]() |
XOV 2 XULLO | CARLANGAS
Carlangas presenta este ano Universo Paralelo, o seu terceiro álbum en solitario despois do parón de Novedades Carminha e máis de 40 concertos na xira de Bailódromo, o seu traballo anterior. Universo Paralelo conta con colaboracións de Leiva e Dear Joanne e supón un regreso ao son das guitarras, reivindicando o seu espazo dentro dos códigos do rock and roll. Novo repertorio, nova banda e novo show de Carlangas para arrincar Atardecer no Gaiás. |
![]() |
VEN 3 XULLO | MARRIT
O músico e compositor Marrit foi o gañador do primeiro premio na categoría de Música do Xuventude Crea 2025 cos temas Obsesión e Lembrar. Unha década de experiencia sobre os escenarios ten este mozo de 26 anos que constrúe as súas cancións recuperando influencias de clásicos como Pink Floyd, The Beatles ou Michael Jackson filtradas polas súas raíces galegas e experimentando con guitarras, teclados e sintetizadores clásicos. |
![]() |
XOV 9 XULLO | 9LOURO
9Louro é o artista do momento na música urbana galega. Un fenómeno que esgota entradas en minutos e provoca colas multitudinarias para velo en directo. No Gaiás, escoitarémolo presentando o seu segundo disco Amorrer, no que mestura electrónica, ritmos urbanos e melodías emocionais cunha narrativa intensa sobre o a mor, a perda e a identidade xeracional e colaboracións de artistas como West Srk, Dirty Suc, Lil Chachi, Chris Indian e Ortiga. |
![]() |
XOV 16 XULLO | MARICARME
Maricarme nace da unión de tres destacadas figuras do folk galego: Cibrán Seixo, María Jorge e Migui Carballido. Mesturan instrumentos acústicos —violíns, pandeiros, bouzouki— e electrónica nun son fresco e contemporáneo que transita entre a tradición oral e as composicións propias. O seu directo escoitouse xa no Festival Maré, Festiletras ou na Foliada da Fonsagrada e agora chegan ao Gaiás cun adianto do que será o seu primeiro EP. |
![]() |
VEN 17 XULLO | UNTO VELLO
Do traballo de recollida de música tradicional galega de Bieito Pereira e Xabi Gómez xorde Unto Vello, un dúo que rende homenaxe ás cantareiras e reinterpreta o patrimonio inmaterial do país. Acordeón, voz e percusión nun espectáculo dedicado ao baile que tece comunidade en cada actuación. Unto Vello vén de sacar o seu primeiro disco, Inmaterial (2026) 12 temas que traen ao Gaiás na súa xira de presentación. |
![]() |
XOV 23 XULLO | BALA
Das galegas Bala podemos afirmar que son unha das bandas de rock máis relevantes do momento. Batería e guitarra que lembran ao rock intenso dos 90 e influencias que van do stoner ao hardcore ou ao punk. En activo desde 2014, pisaron xa escenarios de festivais e salas por toda España, Reino Unido, EE.UU. e ata Xapón. No seu último disco, Besta (PIAS, 2024) suman aos seus disparos sonoros colaboracións de Tanxugueiras, Ana Curra ou Surfbort. |
![]() |
XOV 30 XULLO | SHEILA PATRICIA
Coa voz e a guitarra no centro do escenario, Sheila Patricia desenvolveu unha linguaxe propia marcada pola investigación sonora e unha mirada feminista e contemporánea sobre a tradición. Epifanía (2025), o seu terceiro disco, móvese do íntimo e o acústico á improvisación e o xogo coa electrónica, xerando novas texturas sen perder a conexión coa raíz, cun directo que comeza na proximidade e remata en celebración. |
![]() |
VEN 31 XULLO | LISDEXIA
Cun punk-rock en galego descarado e sen filtros, Lisdexia din que non veñen salvar o mundo pero si a facelo bailar. Os de Muros teñen xa unha traxectoria que os levou a pisar multitude de salas e festivais por toda a comunidade, e traen agora un novo EP Esclavos do baile: seis himnos incendiarios que lanzan consignas que van desde a sátira lingüística ata a épica da resaca, nos que reivindican que se queda vida, queda festa. |
ATARDECER NO GAIÁS - AGOSTO 2026
![]() |
XOV 6 AGOSTO | DOGO
O trío compostelán Dogo arrinca en 2023 co obxectivo de armar cancións que sacudan o sistema nervioso. Noise-rock e mentalidade post-punk a partir da que constrúen un son de atmósferas densas e melodías envolventes en galego. Hai pouco máis dun ano sacaron o seu primeiro EP, Brutalismo (2025) logo de gañar o concurso Sonidos Mans Salas para bandas emerxentes, e este verán veñen a presentalo en Atardecer no Gaiás. |
|
MÉRCORES 12 AGOSTO | TOTAL ECLIPSE: GALICIAN ARMY |
|
![]() |
En GALICIAN ARMY Alberto Prado e Sergio Vallejo fusionan synths afiados, estética retro e enerxía club. Electrónica con alma galega e pasado que soa a futuro. Seguro que xa escoitaches (e bailaches!) os seus remixes de Tanxugueiras, The Rapants ou Fillas de Casandra, ou os temas propios nos que crean un universo sonoro que fusiona a tradición coa máquina. Regueifa Maldita, xunto a De Ninghures, é bo exemplo desta perfecta combinación que gozaremosr na tardiña máis especial do verán: a do eclipse total de sol do 12 de agosto. |
| XOV 13 AGOSTO | ATARDECER FEST | |
|
Un festival dedicado á música urbana que xuntará na Praza central da Cidade da Cultura tres voces destacadas do rap actual. Moi pronto anunciaremos o cartel! |
|
![]() |
VEN 14 AGOSTO | TURISTA SUECA
Turista Sueca combina spoken word, pop e electrónica cunha actitude punk que transforma o cotián en sátira política, reivindicando o humor como ferramenta crítica para facer fronte ao caos. Formado por Lander (País Vasco), Jose (Cádiz) e Anna (Galicia), a finais de 2025 editaron desde Barcelona o seu moi esperado LP debut, Síndrome de Estocolmo. O seu directo explosivo e desbocado será o mellor fin de festa para este Atardecer no Gaiás. |














