Atardecer no Gaiás 2019 | 20 solpores musicados para este verán

Nos meses de estío sobran os motivos para desexar estar fóra da casa ata a caída do sol, mais a programación de Verán no Gaiás dáche 20 desculpas para alongar os días e acurtar aínda máis as noitiñas: os concertos do ciclo  ao aire libre de Atardecer no GaiásActuacións en directo, de balde, todos os xoves, venres e sábados do 4 de xullo ao 17 de agosto, ás 21 horas na Praza Central do Gaiás, á chegada do solpor.

Atardecer no Gaiás 2019 contará con 20 bandas e artistas para pórlles banda sonora aos solpores do verán. Este ciclo de concertos ao aire libre e ao caer o sol é unha das citas consolidadas da época estival. O seu cartel sempre xera expectación para estar ao día da actualidade musical tanto a nivel internacional como galega, que conta cun peso relevante e de estilos variados.

Deste xeito,  vas poder escoitar enriba do Escenario Cervezas Alhambra o traballo de excepcional calidade que se está a facer en Galicia no eido da música, con artistas como as galegas De Vacas, coas súas divertidas e corrosivas versións, ou Agoraphobia, que contan cun recoñecemento unánime pola crítica especializada e que fai que nos últimos anos estean nos carteis de festivais de toda España.

Este ciclo tamén trae á Praza Central do Gaiás artistas do eido nacional que tamén están a triunfar, como é o caso de Cecilia Krull, que abrirá o ciclo. O jazz desta madrileña, compositora e intéprete  valeulle ter acadado ‘Discos de Ouro’ en Francia e ‘Platino’ en Italia, onde os seus temas teñen estado liderando as listas das súas emisoras.

No eido internacional, choutarás en Atardecer no Gaiás cos ritmos de Miss Bolivia, cantante arxentina de hip hop e cumbia comprometida na súa vida cotiá coa loita feminista, que tamén traslada ás súas letras.

Unha escolma, a desta edición, que volve confirmar a aposta do ciclo polas voces femininas, como son as potentes Kumbia Queers da Arxentina, e tamén por xéneros emerxentes con éxito entre a xeracións máis novas, como o trap ou a cumbia (Kumbia Boruka). Neste cartel non se esquecen estilos xa imprescindibles neste ciclo ao solpor como son o indie (Floridablanca ou Monterrosa) o pop ou o rock, no que sempre hai unha fiestra aberta para grupos galegos emerxentes, como os lucenses Berta Franklin, a formación de Tui Best Boy ou os composteláns Malraio.

QUE VAS ESCOITAR?    

XULLO

Xoves 4 CECILIA KRULL (MADRID). O primeiro solpor musicado vén da autora e intérprete de My life is going on, coñecida canción da serie de éxito ‘La Casa de Papel’. As súas fermosas melodías entre o jazz e o soul valéronlle Discos de Ouro en Francia e de Platino en Italia.

Venres 5 KUMBIA BORUKA (MÉXICO). Colombia, México e Jamaica unidos polos ritmos desta formación que, tal e como anuncia o seu nome, vai armar a festa no Gaiás! Con cumbia, reggae e salsa cun son moderno e singular.

Sábado 6 LAURA LAMONTAGNE (GALICIA). Sons intimistas en galego e en inglés para deixarse arrolar mentres cae o sol no Gaiás. Unha voz cálida e prodixiosa, que nos fala do desexo, dos afectos e de espazos comúns, onde é difícil non sentirnos nalgún momento reflectidas e reflectidos.

Xoves 11 LABAQ (O BRASIL). Un dos nomes máis recorrentes cando se fala da musica alternativa/pop & indie do Brasil. Esta cantante, compositora, guitarrista e produtora ten a forza e a sensibilidade na súa voz e na súa guitarra eléctrica. Engaiola a súa electrónica envolvente para ouvidos refinados.

Venres 12 EUROPEJSKA ORKIESTRA (GALICIA). Viaxar polos sons da vella Europa desde a Praza central do Gaiás. Un máxico percorrido con música e fanfarria dos Balcáns mentres imos vendo paseniño o agocho do sol.

Sábado 13 SOULMACKLEIN (GALICIA). O que foi membro dun dos grupos máis importantes de hip hop en Galicia, Delahoja, dá o salto en solitario achegándose ao reggae con cancións positivas. Ritmos e letras das que presta escoitar e deixarse levar no verán.

Mércores 17 MISS BOLIVIA (A ARXENTINA). Esta cantante, compositora, psicóloga, produtora e DJ desprega cumbia, hip hop, dance e reggae para denunciar a sociedade patriarcal e promover o empoderamento das mulleres. Unha loita á que se nos convoca bailando!

Venres 19 LADILLA RUSA (CATALUÑA). Letras cargadas de ironía e retranca para radiografar a sociedade a ritmo de electropop costumista arrabaldeiro. Este dúo ten acadados fitos, como colocar algúns dos seus temas entre os máis virais de Spotifty a nivel nacional e superar as 800.000 reproducións do vídeo Macaulay Culkin.

Sábado 20 BETACAM (CANTABRIA). O hiperactivo Javier Carrasco (membro de bandas como Rusos Blancos, Templeton ou Tulsa) transportaranos á escena musical dos 80 con pequenas perlas de pop electrónico de autor, algunhas delas moi New Order.

Venres 26 FLORIDABLANCA (MADRID). Banda sonora que non pode faltar na fin de semana. Cancións de pop vitalista con retrousos pegañentos para dalo todo na pista de baile na que se
converterá a Praza Central do Gaiás para esquecer os malos momentos da semana.

Sábado 27 BERTA FRANKLIN (GALICIA). Chamada a ser a superbanda de Lugo, estes cinco músicos con bagaxe noutras formacións logran un son propio e coidado, que vai desde soul americano clásico aos novos estilos que despregarán para nós na Praza Central do Gaiás.

AGOSTO

Xoves 1 APARTAMENTOS ACAPULCO (GRANADA). Melodías coidadosamente sinxelas compactadas con guitarras e sons de sintetizadores ruidosos, nas que pode albiscarse influencias de Los Planetas. En todo caso, un estilo propio que non nos vai deixar indiferente.

Venres 2 MALRAIO (GALICIA). Coa tensión entre guitarras como fío condutor, as cancións de
Malraio axexan polas cunetas da contemporaneidade. O illamento disfrazado de éxito social ou a cuestionable xestión das crises persoais agroman entre cancións de post rock de amplo espectro. Levan bigote.

Sábado 3 MONTERROSA (MADRID). A canción pop como ferramenta política e artística. Esta é a carta de presentación deste dúo electropop que nos empurra dun xeito irrefreable ao baile e a cuestionar, cuestionarnos e revolucionarnos.

Xoves 8 AGORAPHOBIA (GALICIA). Efectiva mestura de garage, punk rock e indie desta banda de mozas de Boiro, que defenden con soltura nos directos. De aí que non falten en festivais e non paren de recibir eloxios da crítica polas súas cancións redondas, nas que sacan o mellor ruído que levan dentro.

Xoves 9 KUMBIA QUEERS (A ARXENTINA) As raíñas do tropipunk. Son arxentinas, rebeldes e un referente para a comunidade LGBTI con composicións que falan de aceptar o diferente con ritmos cálidos e pegañentos, con máis mensaxe sempre do que parece.

Sábado 10 LAS MIGAS (CATALUÑA). Tras unha xira internacional con Vente Conmigo, seleccionado aos Latin Grammy, esta banda feminina —da que formou parte Silvia Pérez Cruz— volve pisando forte con aires moi flamencos tinguidos de sons electrónicos.

Xoves 15 MARINAH (CATALUÑA). Cocteleira de flamenco, cumbia e trap para darlle ritmos de baile a esta voz feminina e feminista, quen reivindica “sen pausa, pero bailando” derrubar muros, clixés, prexuízos e censuras coas súas letras.

Venres 16 DE VACAS (GALICIA). As brillantes versións melódicas, e en galego, de hits de todos os estilos deste grupo fan imposible que non prefiramos a interpretación aceda e retranqueira das súas letras, antes cas orixinais. Non acompañalas nos retrousos, tamén vai ser imposible.

Sábado 17 BEST BOY (GALICIA). Soul, jazz, bluegrass... desde Tui. Melodías que transmiten boa onda, calma e repouso merecido para despedir os solpores musicados deste verán, tras un cartel no que só nos prestou bailar.

 

 

 


 
Música & Escena
 
XOVES [9 xullo ao 3 setembro]
21 horas
SETEMBRO 2020