A compañía granadina Títeres Etcétera trae ao Gaiás esta proposta escénica con música, monicreques e proxeccións baseada no conto clásico de Hans Christian Andersen que narra a fábula daquel parrulo diferente aos demais que resultou ser un gran cisne.
«Andersen, o parrulo feo» (Andersen, el patito feo no título orixinal da obra) mergúllanos nesta coñecida historia e tamén na infancia do seu autor, o escritor danés Hans Christian Andersen (1805-1875), quen dicía que este conto era tamén a súa autobiografía. Sendo un neno, polo seu físico, torpeza e baixa clase social sufriu o rexeitamento e o acoso, e atopou refuxio na literatura, o teatro, os monicreques e os recortables de papel. Andersen mudou as súas feridas en contos que máis dun século despois aguilloan a imaxinación de nenos e nenas do mundo enteiro.
A fábula do patiño feo achégase a temas actuais e atemporais: o rexeitamento, o bullying, a inclusión e a aceptación dun mesmo. A montaxe de Etcétera atopa inspiración nos recortables de papel cos que Anderesen creaba escenografías para a súas historias. Do mesmo xeito que a imaxinación do autor danés, a compañía de Granada desprega sobre o escenario un conto musical que medra e sorprende, onde os monicreques, a narración e os xogos de luces debuxan as augas dun estanque poético que acubilla xenerosidade, imaxinación e afectos como claves para comprender e dar sentido ao mundo.
Títeres Etcétera
Etcétera foi fundada en 1981 en Granada e ao longo de catro décadas consolidouse como una das compañías máis recoñecidas de España no teatro de marionetas cun traballo que aposta pola versatilidade, o rigor e a vangarda. Espectáculos cunha fonda compoñente poética e unha concienciuda procura estética, artística e técnica distinguen as súas pezas de teatro de monicreques tradicional e contemporáneo. Foi galardoada en 2014 co Premio Nacional de Artes Escénicas para a Infancia e a Xuventude outorgado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte.

Ficha artística
- Dirección de escena, deseño de escenografía, marionetas e vídeo: Enrique Lanz
- Dramaturxia: Yanisbel Victoria Martínez e Enrique Lanz
- Música: Jordi Cornudella
- Deseño de iluminación: Lía Alves
- Deseño e confección de vestiario: Laura León
- Construción de escenografía e marionetas: Elena Alejandre, Cristina Colmenero, Enrique Lanz, Leo Lanz e Christine Mackenzie
- Confección de elementos téxtiles: Genoveva Morillas
- Asesoría técnica: José Carrión
- Coach actoral: Rey Montesinos
- Voz en off: Enrique Árbol (colaboración especial)
- Axudante de produción: Cristina Colmenero
- Actores: Cristina Colmenero, Leo Lanz, Christine Mackenzie e Yanisbel Martínez
- Músicos: Murtra Ensemble. Violín: Andrea Talavero, Viola: Bernat Bofarull, Clarinete: Jordi Cornudella, Fagot: Antonio Abad López Piano: Carles Marigó
- Coprodución: Etcétera e Centro Federico García Lorca


