10 anos, 10 autores, 10 libros | Pedro Feijoo

O ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros da Biblioteca de Galicia continúa este venres, 17 de setembro, con Pedro Feijoo como escritor convidado. Nesta ocasión compartirá protagonismo cun dos grandes nomes do panorama literario galego das últimas décadas, Suso de Toro.

Entre os referentes literarios de Pedro Feijoo atópanse nomes clásicos como Rosalía de Castro ou Castelao, pero tamén outros máis próximos no tempo, como Eduardo Mendoza ou Pierre Lematrie. Entre eles, o autor vigués destaca a súa debilidade por Suso de Toro e é precisamente un libro del o seleccionado para a próxima sesión do ciclo 10+10+10. Ambos autores conversarán este venres arredor de Polaroid, unha obra que Suso de Toro publicou en Xerais en 1986 e pola que recibiu o Premio da crítica da Asociación Española de Críticos Literarios na modalidade de narrativa galega.

En palabras de Pedro Feijoo “Polaroid foi a gran explosión, o libro que dinamitou desde dentro a miña concepción non só da literatura, senón desa cousa exótica, case misteriosa, de ser escritor. Suso de Toro ensinounos a toda unha xeración que outra maneira de facer literatura e país era posible. Dunha maneira nova, radical, e endiabladamente atractiva”. 

Como vén sendo habitual, a sesión de 10+10+10 arrancará no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia ás 19:00 horas, e a asistencia é de balde previa inscrición. Tamén se poderá seguir na nosa canle de YouTube.

O ciclo continúa ata o mes de outubro coas intervencións de Santiago Lopo, Andrea Maceiras e Juan Tallón.

 

Os autores

Pedro Feijoo (Vigo, 1975)

Pedro FeijooFilólogo de formación, desenvolveu durante anos un intenso labor no eido musical como produtor, compositor e músico que tomou forma literaria coa publicación de Viva o Fu remol! (2005), unha crónica sobre o presente e as circunstancias do panorama musical galego.

A súa escrita de intriga e aventuras cativa pola capacidade para xerar historias de acción trepidante e personaxes coas que é moi doado empatizar. Títulos como Os fillos do mar (2012) ou A memoria da choiva (2013) —ambos os dous Premio Arcebispo San Clemente e o primeiro tamén Premio Frei Martín Sarmiento— cóntanse entre os máis vendidos do último lustro en Galicia e foron traducidos a outras linguas.

A súa máis recente novela é Un lume azul (2019), un intenso libro de suspense que non dá acougo a quen o le. Se a cidade Compostela se erixe como unha personaxe máis en A memoria da choiva, nesta última novela é Vigo a que adquire un protagonismo determinante na historia. Un relato con base nunha serie de macabros asasinatos como castigo a unha sociedade cada vez máis impersoal, insensible e individualista.

Alén desta súa faceta novelística, Feijoo cultivou tamén o ensaio en obras como Cousas do «Galicia», por Castelao (1997), monografía na que aborda a presenza de Alfonso Daniel Rodríguez Castelao no xornal Galicia, ou máis recentemente en Camiñar o Vigo vello. Un paseo pola historia da cidade (2018).

Neste verán de 2021 compartiu cos oíntes da Radio Galega todo o seu saber sobre historias de homicidios na sección “Mortos do verán” do “Galicia por diante”, colaboración que continuará na nova temporada do programa.

Suso de Toro (Santiago de Compostela, 1956)

Suso de ToroLicenciado en Xeografía e Historia pola Universidade de Santiago de Compostela, con especialidade en Arte Moderna e Contemporánea, é un dos autores máis recoñecidos e destacados da literatura galega contemporánea.

Da súa autoría son algunhas das obras máis coñecidas e traducidas das nosas letras, como Land Rover (1988), Tic-tac (1993) ou Home sen nome (2006). A súa novela Trece badaladas (2002), recibiu en 2003 o Premio Nacional de Narrativa e foi adaptada ao cinema ese mesmo ano por Xavier Villaverde.

Cunha extensa obra narrativa e ensaística ás costas, nos últimos anos publicou a novela Fóra de si (2018), o ensaio Dentro da literatura (2019) e a novela de non ficción Un señor elegante (2020). Neste volume, Suso de Toro relata a sorprendente historia da familia Baltar, protectora, en distintos momentos, de figuras tan relevantes da nosa cultura como Rosalía de Castro e Murguía, a familia Castelao ou Rafael Dieste. Trátase dunha novela cun intenso traballo de investigación tras de si, que nos permite revisar os momentos máis convulsos da historia de Galicia na fin do século XIX e nas primeiras décadas do XX.

Suso de Toro destaca tamén polo seu labor como guionista de televisión e colaborador habitual en prensa e radio.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Ata 19 Mar 2024
Convocatoria pechada