10 anos, 10 autores, 10 libros | Andrea Maceiras

A penúltima sesión do ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, terá lugar o vindeiro venres 15 de outubro no Auditorio Neira Vilas. Desta volta, a Biblioteca de Galicia terá como convidada á escritora Andrea Maceiras, que chegará ao faladoiro na compaña do ilustrador Toni Seijas.

A escrita e a ilustración uniranse dun xeito especial para falar dun volume no que ese binomio é tamén unha característica clave: O libro das viaxes imaxinarias (Xerais, 2008). Andrea e Toni conversarán e debuxarán arredor desta obra, escrita por Xabier P. Docampo e ilustrada por Xosé Cobas, que contén a transcrición de dous cadernos de viaxe. Porque as viaxes, imaxinarias ou reais, son tamén as protagonistas desta nova conversa coa que a Biblioteca de Galicia segue a celebrar o seu décimo aniversario. Escritora e ilustrador compartirán connosco a súa paixón pola literatura, o debuxo e as viaxes -tanto interiores como exteriores-, para que as persoas asistentes poidamos gozar delas, ben a través das palabras, ben a través das imaxes.

Como vén sendo habitual, a cita do venres arrancará ás 19.00 horas no Auditorio Neira Vilas da Biblioteca de Galicia e na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

En conversa

Andrea Maceiras (A Coruña, 1987) é licenciada en Filoloxía Galega e doutora en Filoloxía Hispánica. É autora dunha decena de novelas de literatura infantil e xuvenil, algunhas das cales están traducidas a outras linguas. Conta con premios como o Jules Verne (Xerais) por Europa Express, o Lazarillo (OEPLI) por Conta nove estrelas, o Merlín (Xerais) por A folla azul ou o Raíña Lupa (Deputación da Coruña) por Que se me pare o corazón se te esquezo. Tamén recibiu outros galardóns como o Premio dos Clubs de Lectura da Consellería de Educación, o Fervenzas Literarias ou o Frei Martín Sarmiento.

 

 

Antonio Seijas (Ares, 1976) é historiador da Arte, ilustrador, pintor e autor de banda deseñada. Publicou catro novelas gráficas: Un hombre feliz, gañadora do Certame Castelao (2006); Cartas de Inverno, Premio Isaac Díaz Pardo ao Mellor Libro Ilustrado pola Asociación Galega de Editores (2012); La luz (2014), candidata á Mellor Obra Nacional en Expocómic e A chaira, galardoada co Premio á Mellor Libro de Banda Deseñada na Gala do Libro Galego 2020. Fai traballos para diversas revistas e xornais, e tamén ilustra portadas e libretos para discos, e mesmo materiais para series de TV como “La que se avecina”. No 2019 publicou a súa primeira novela xuvenil O Soño da Serpe en Galaxia.

 
Letras & Pensamento
 
25 — 29 Ago 2024
PRAZO DE INSCRICIÓN ABERTO ATA 24 MAI
Convocatoria aberta
Prazo do 23 Abr ao 22 Mai 2024
1 - 13 Xul 2024
Convocatoria pechada