Zapatos no Camiño

O Bosque de Galicia acolle a intervención escultórica de Francisco Leiro, Zapatos no Camiño, composta de tres pezas realizadas en diferentes materiais, que desde preto do cumio do Monte Gaiás establece un diálogo visual coa Catedral de Santiago e a Vía da Prata, que discorre paralela ao complexo na súa entrada á capital de Galicia.

Enmarcada no Xacobeo 21-22, esta intervención escultórica contemporánea e universal, obra de referencia e obrigada visita, contribúe a consolidar o atractivo natural e de lecer que xa posúe o Bosque de Galicia, cunha obra dun dos creadores de Galicia máis destacados de todos os tempos, cunha produción plástica inconfundible.

Producidas con materiais perdurables e cunha concepción formal conectada coa contorna natural na que se sitúa, co Camiño de Santiago como marco contextual, as esculturas realizadas por Leiro representan tres zapatos de peregrino: un realizado en granito, outro en formigón e outro en ferro fundido, tendo as tres unhas dimensións de arredor dos dous metros, para poder contemplarse desde a distancia. Os zapatos convértense neste caso en obxectos humanizados que simbolizan o esforzo e a vontade do camiño percorrido, mentres que a súa concepción formal chama á interactividade cos visitantes, podendo ser empregados como obxectos de descanso por parte do público.

Francisco Leiro

Francisco Leiro (Cambados, Pontevedra, 1957) é un dos escultores e artistas plásticos galegos en activo con maior proxección no panorama internacional, cunha actividade profesional que se desenvolveu durante décadas entre New York, Madrid e Cambados.

Leiro ten realizado unha importante produción escultórica de carácter monumental en espazos públicos e/ou exteriores, entre as que destacan obras tan icónicas como a figura do animal fantástico coñecida como Sireno na Porta do Sol da cidade de Vigo. Foi recoñecido con premios e condecoracións como a Medalla Castelao da Xunta de Galicia no 2000 ou Premio das Artes na IIª Edición Galegos do Mundo no ano 2003.

A súa obra está presente en destacadas coleccións de museos, institucións públicas e privadas galegas, nacionais e internacionais, como o Akron Art Museum (Ohio, Estados Unidos), o Museo de Arte Contemporánea de Barcelona, o Museo Marugame Hirai (Kagawe, O Xapón), o Stedelijk Museum (Ámsterdam, Holanda), ou, en Galicia, o Auditorio de Galicia, o Centro Galego de Arte Contemporánea, ou as coleccións de Abanca e Afundación.

Arte ao aire libre

Zapatos no Camiño súmase á serie de intervencións artísticas e paisaxísticas que a Xunta de Galicia está a promover nos espazos exteriores da Cidade da Cultura, directamente ligadas co feito xacobeo e con Compostela como destino internacional da peregrinación. Entre elas, as persoas visitantes poden atopar xa a obra Espellos, do escultor Manolo PazConstelacións II, de Clara Montoya –coñecida tamén como o banco do peregrino–; ou a pirámide de metal de Alicia Framis titulada Deixa aquí os teus medos na contorna do Xardín Literario. As intervencións complétanse anualmente coas obras efémeras do ciclo Reb/veladas na paisaxe, que leva tres edicións poñendo en valor as creacións contemporáneas realizadas por mulleres, potenciando tamén as zonas verdes do Gaiás como lugar de creación e exhibición.

 
Zapatos no Camiño | Foto: Manuel G. Vicente
Zapatos no Camiño | Foto: Manuel G. Vicente
Zapatos no Camiño | Foto: Manuel G. Vicente
Zapatos no Camiño | Foto: Manuel G. Vicente