Xardín do Teatro

[ O VENRES 21 DE XUÑO O XARDÍN DO TEATRO ESTARÁ PECHADO AO PÚBLICO ATA AS 18 HORAS. DESCULPADE AS MOLESTIAS ]

A Cidade da Cultura conta desde este xoves 18 de abril cun novo espazo verde no corazón do complexo: o Xardín do Teatro, actuación coa que culmina a transformación do baleiro deixado polo Teatro da Música. Este novo xardín de 11.574 metros cadrados conta con especies botánicas procedentes de diferentes partes do mundo, un auditorio ao aire libre, estanques e áreas de lecer para gozar do deporte e da natureza.

O proxecto do Xardín do Teatro foi realizado polo estudio de arquitectura de Compostela RVR conxuntamente coa UTE Perea+Euroestudios. O deseño baséase nas ideas de diversidade e universalidade, a través dunha escolla de especies procedentes de todos os continentes, complementando así ao Bosque de Galicia, que aposta polas árbores autóctonas.

En total, esta nova área verde inclúe 3.840 plantas e 187 árbores de 30 especies procedentes de zonas con clima oceánico e temperado, de países como Xapón, Nova Zelandia, a costa noroeste dos Estados Unidos ou a costa sur de Chile. Ademais, conta con tres estanques, un anfiteatro ao aire libre con capacidade para preto de 400 persoas, áreas de xogos, equipamento para deportes urbanos como escalada e skate, así como 400 metros de sendeiros e puntos de descanso.

Na escolma das árbores, ademais do criterio xeográfico e de adecuación ao clima de Galicia, buscáronse especies que ofrecesen contrastes cromáticos atractivos na cor das follas nas distintas estacións. Todas son de folla caduca e con forte coloración no outono, de xeito que os verdes da primavera mudarán en mesturas de vermellos, laranxas, amarelos, cobres ou púrpuras. Así, o visitante atopará pradairos, carpes, faias, lodoeiros, acacias, olmos, freixos, árbores do ferro, ademais de carballos, salgueiros, bidueiros ou ameneiros, entre outras variedades. En canto ás herbáceas, no xardín medran plantas aromáticas  como xasmín, romeu, salvia ou lavanda, xunto a especies acuáticas (xuncos, xacintos de auga...) e rubideiras (hedra, parra...), que gabearán cubrindo parte das estruturas de obra xerando unha integración co conxunto de proxecto.

 
Xardín do Teatro (Foto: Manuel G. Vicente)
Xardín do Teatro (Foto: Manuel G. Vicente)
Xardín do Teatro (Foto: Manuel G. Vicente)
Xardín do Teatro (Foto: Manuel G. Vicente)