Unha instalación interactiva inspirada na amizade entre Eisenman e Hejduk, gañadora da convocatoria de intervencións artísticas do EAN13

Santiago de Compostela, 31 de Outubro de 2023

A Xunta de Galicia, a través da Cidade da Cultura vén de seleccionar a proposta H+E, presentada pola artista visual Isabel Merchante e o crítico, comisario e historiador da arte Óscar Manrique, como gañadora do Concurso de Intervencións Artísticas nas Torres Hejduk, convocado entre os creadores e creadoras participantes no XIII Encontro de Artistas Novos, EAN13. Trátase dunha instalación interactiva e, ao tempo, un tributo artístico á conexión que nos vencella a outros seres humanos. Inaugurarase coincidindo coa celebración do vindeiro EAN14, en agosto de 2024.

H+E é unha alegoría da amizade que uniu aos arquitectos John Hejduk e Peter Eisenman, e que se materializou na construción destas dúas torres no Gaiás tralo falecemento de Hejduk, malia non formaren parte do proxecto orixinal da Cidade da Cultura. Orixinalmente deseñadas como torres botánicas para o parque compostelán de Belvís, Peter Eisenman propuxo a construción das Torres Hejduk no Gaiás tras a morte no ano 2000 do seu amigo e compañeiro no grupo arquitectónico estadounidense coñecido como The New York Five. As dúas torres convertéronse así no primeiro edificio que se erixiu no complexo, e tamén nun dos máis icónicos da Cidade da Cultura e de Santiago de Compostela.

Isabel Merchante e Óscar Manrique recuperan en H+E a esencia de cooperación e creación compartida que uniu a visión de Hejduk e a dedicación de Eisenman e deseñan unha instalación interactiva que para funcionar require a participación de cando menos dúas persoas ao mesmo tempo. A torre de cristal e a torre de pedra conéctanse a través dunha barra que, ao ser tocada nos seus extremos polas persoas visitantes, crea unha atmosfera visual e sonora nas dúas torres, única de cada vez, a través dunha instalación suspendida de cables de fibra óptica e luces led que lembran a conexións neuronais, ramificacións vexetais ou o escintileo das estrelas.

Seleccionada entre 12 proxectos artísticos

A proposta foi seleccionada entre un total de 12 proxectos recibidos a esta convocatoria, que anualmente se realiza entre os e as artistas emerxentes que participan no Encontro de Artistas Novos. A iniciativa procura apoiar e dar visibilidade a artistas emerxentes, ofrecéndolles un espazo expositivo non convencional a través dunha plataforma de apoio á arte contemporánea tan recoñecida e consolidada como o Encontro de Artistas Novos Cidade da Cultura, que o vindeiro ano cumprirá 14 edicións. Precisamente coincidindo co vindeiro EAN inaugurarase esta instalación artística que poderá visitarse nas Hejduk entre agosto de 2023 e xaneiro de 2024.

Biografías dos artistas

Isabel Merchante (Madrid, 1999) é artista visual, graduada en Belas Artes e Deseño pola Universidade Francisco de Vitoria en Madrid. Actualmente cursa o master Contemporary Art Practice no Royal College of Art de Londres, onde reside. Realizou exposicións individuais como Harmony, en MARTE, Castellón (2022) e Refugio de las luces en Biblioteca Xenius, Madrid (2022), participando tamén en exposicións colectivas no Círculo de Belas Artes de Madrid, no Centro de Arte Moderna de Tetuán (Marrocos), en Matadero Madrid ou na Galería 12:00 de Bogotá, entre outras. En 2023 foi premiada nos XXXIV Circuítos de Artes Plásticas da Comunidade de Madrid e recibiu tamén o 1º Premio Anual We:Now.

Óscar Manrique (León, 1994) é comisario independente, crítico e historiador da arte especializado en arte contemporánea e cultura visual. As súas investigacións céntranse na antropoloxía da imaxe, estudando as metamorfoses que estas poden sufrir no mundo contemporáneo. Traballa tamén desde unha arqueoloxía do presente, centrada no residuo, no cotiá, no kitsch e, en definitiva, en todo aquilo que a historiografía desbotou e que serve para establecer novas e diversas lecturas, especialmente aquelas que previsualizan xeitos de mirar cara ao futuro.