Memorias de familia

O Arquivo de Galicia ofrece a exposición Memorias de familia. O fondo Vilariño Pintos no Arquivo de Galicia, a primeira doazón privada a esta institución, que constitúe unha valiosa testemuña da vida cultural, social e política da Galicia dos séculos XIX e XX.

No marco dunha selección de 98 documentos, a exposición amosa 28 fotografías, cedidas expresamente pola familia para a ocasión, e un conxunto de obxectos persoais doados ao Museo do Pobo Galego (un frac, un bombín, unha capelina, unhas luvas, uns impertinentes, etc.). Así mesmo, a mostra conta recursos gráficos a reprodución dun plano de Santiago de 1909, pertencente ao fondo do Arquivo Municipal, custodiado no Arquivo Histórico Universitario, e reproducións de fotografías da cidade e dos edificios que foron sede das principais institucións relacionadas coa vida profesional e a actividade política dos membros da familia.

A exposición divídese en tres partes:

  • Identidade. O grupo familiar.  Pódense contemplar tanto a árbore xenealóxica como a correspondencia entre os parentes e amizades, e a documentación referida á economía familiar: desde recibos ou facturas ata inventarios e escrituras de propiedade da terra que ofrecen un retrato da realidade da época.
  • Actividade profesional. Recolle diversos arquivos herdados polo matrimonio conformado por Eduardo Vilariño e Águeda de Andrés. Neles destaca o traballo desenvolvido por Eduardo Vilariño −que foi alcalde de Santiago de 1903 a 1905− na vida municipal e en institucións compostelás como a Universidade, a Escola de Artes e Oficios ou a Sociedade Económica de Amigos del País. Conflúen tamén nesta parte da mostra documentos que testemuñan a carreira xudicial de Fernando de Lamas Rey, o cargo de bibliotecario da universidade de Manuel Villarino Varela, ou o exercicio de diversos cargos na Administración da Aduanas de Filipinas por parte de José de Andrés Moreno Curiel, administrador ademais das propiedades do marqués de Monroy.
  • Actividade política. Esta terceira parte está estreitamente vinculada ao período de Eduardo Vilariño no Concello de Santiago entre 1897 e 1905. Así mesmo, o activo papel do seu fillo, José Vilariño, tras as eleccións municipais á fin da Restauración (1931), permiten dar conta do cambio social e político cara á etapa republicana.
 
Exposicións
 
29 Nov 2023 - 28 Abr 2024
De martes a domingo | De 10 a 20h
5 Dec 2023 - 19 Mai 2024
22 Mar — 4 Ago 2024
De martes a domingo | De 10 a 20 h
Xul 2024 — Xan 2025
De martes a domingo | De 10 a 20 h