Galiverso somerxido

Benvidos ao Galiverso somerxido, unha viaxe única para descubrir o patrimonio galego oculto baixo as nosas augas. Desde o Museo Centro Gaiás, montados nun batiscafo e coa axuda das lentes de realidade virtual, exploraremos os fondos mariños da costa galega, aprendendo sobre a fauna e flora que habita neles, así como sobre episodios históricos singulares nos que o mar foi protagonista. Unha travesía que busca tamén concienciar sobre a importancia histórica, económica e medioambiental dos nosos mares e a necesidade de coidalos.

Galiverso somerxido está aberto no andar 0 do Museo Centro Gaiás, de martes a venres en horario de 16.00 a 20.00 horas e sábados, domingos e festivos (agás luns) de 11 a 14.30 e de 16 a 20 h. O batiscafo virtual inicia inmersión cada 30 minutos e a última viaxe comeza media hora antes do peche (14.00h pola mañá e 19.30h pola tarde). A visita é gratuíta con reserva previa de praza a través de Ataquilla e no Museo Centro Gaiás.

AVISO: O Galiverso somerxido permanecerá pechado o 15 e o 16 de setembro de 2023 (ambos incluídos).

A sala dispón de 6 cadeiras con cadanseu equipo de realidade virtual, e a exploración do Galiverso somerxido realízase de maneira simultánea. Unha narración —en galego, castelán ou inglés— acompaña a viaxe, ofrecendo instrucións sobre o funcionamento do batiscafo e explicacións da fauna, flora, obxectos e lugares que se poden ver no fondo mariño. 

Os retos do Galiverso somerxido

A produción do Galiverso somerxido supuxo importantes retos para a captura das imaxes submarinas: pouca visibilidade, inmersións a gran profundidade (ata 38 metros), limitacións de tempo de traballo (10 minutos por cada inmersión), o deseño dunha cámara 360º con carcasas específicas para a gravación en estéreo e tamén a creación en 3D do batiscafo virtual desde o que se vive a experiencia.

Superar estes desafíos implicou a participación de expertos de diversos ámbitos: submarinismo, historia da arte, comunicación e divulgación, bioloxía, arte dixital, patrimonio, etc., dando como resultado unha experiencia de realidade virtual como nunca antes se fixo en España. Realizáronse un total de 18 inmersións en 12 xornadas que incluíron probas de iluminación, a fotogrametría de máis de 200 m² do fondo mariño e vídeos en 360º realizados con distintos tipos de cámaras e un ROV submarino.

En terra, especialistas do Museo do Mar de Vigo e do Museo Massó de Bueu colaboraron no modelado dos restos arqueolóxicos que se poden ver e manipular no Galiverso somerxido, como a ánfora romana ou o astrolabio, e tamén do propio batiscafo no que viaxan as persoas visitantes durante a experiencia virtual. 

Ademais, realizouse un modelado en tres dimensións de diversas especies mariñas que viven nas nosas augas coa axuda de expertos en bioloxía, para asegurar o realismo tanto no seu aspecto como no seu hábitat e conduta. Un reto especial foi a creación dun banco de 35.000 peixes (sardiñas) e a simulación do seu comportamento mediante intelixencia artificial.

A expansión do Galiverso

O Galiverso é unha iniciativa da Xunta de Galicia que emprega as tecnoloxías inmersivas e de realidade virtual co obxectivo de amosar o noso patrimonio material e inmaterial (artístico, industrial, arquitectónico, natural, etc.) dun xeito diferente. Unha ventá aberta ao futuro Centro de Artes Dixitais de Galicia que permite á cidadanía galega e ás persoas visitantes participar deste camiño de creación dun centro pioneiro en España, e poñer en valor o potencial das nosas industrias culturais e creativas nas contornas virtuais.

A primeira experiencia do Galiverso inaugurouse na Cidade da Cultura en outubro de 2022 co nome de «O Galiverso empeza aquí». Contaba con 12 escenarios nos que podían visitarse monumentos, espazos naturais e sitios de gran valor cultural, histórico e turístico das catro provincias galegas, como a cripta do Apóstolo na Catedral de Santiago, o canón do Sil, a Torre de Hércules na Coruña ou o templo romano de Santalla de Bóveda en Mera (Lugo). Do 2 ao 5 de xaneiro de 2023, actualizouse á versión de Nadal, cunha experiencia exclusiva para a cativada a partir dos 6 anos de idade, onde tamén era posible visitar a casa do Apalpador, a figura mítica do Nadal galego.

Preto de 5000 persoas visitaron o Galiverso no Museo Centro Gaiás de outubro de 2022 a marzo de 2023. A Xunta de Galicia ten previsto levar estas experiencias de realidade virtual tamén a outros museos e bibliotecas de Galicia, así como aos Polos Creativos dos centros de ensino galegos.