Uruguai importa o EAN

Santiago de Compostela, 16 de Abril de 2015

Uruguai importa o Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ (EAN) promovido por Cultura e Educación e que desde setembro de 2011 se celebra no Gaiás co obxectivo de que creadores emerxentes dean a coñecer os seus traballos e debatan con outros axentes ao redor da arte contemporánea.

Neste 2015, o Centro Cultural de España en Montevideo, organismo de cooperación cultural que realiza a Axencia Española de Cooperación Internacional para o Desenvolvemento (Aecid), decidiu trasladar a Uruguai esta iniciativa co obxectivo de promover a cultura española nese país e a cooperación coas industrias culturais locais. 

Do 24 ao 28 de xuño terá lugar o primeiro EAN fóra das nosas fronteiras, no que un total de 40 creadores emerxentes (a metade deles uruguaios) convivirán durante catro días no Parque Vacacional de Agadu, localizado na Atlántida, onde poderán intercambiar experiencias e coñecementos. Ademais da presenza de artistas consolidados, os participantes contarán con quince minutos nos que poderán presentar ante o resto dos compañeiros e creadores convidados a súa proposta artística. Consultar as bases, aquí.

De entre os corenta participantes, elixirase un que viaxará en setembro ata Santiago de Compostela para participar no V EAN do Gaiás, cunha bolsa que outorgará a Asociación General de Autores de Uruguay (Agadu).

Deste xeito, Uruguai tomará o concepto e o formato da iniciativa da Cidade da Cultura, que prestará o seu apoio para promover un lugar de encontro, debate e exposición do traballo de artistas emerxentes. Ademais, esta primeira edición do EAN uruguaio contará coa aportación da ollada de dous artistas galegos que participaron no seu día en anteriores edicións do EAN no Gaiás: Jorge Perianes e Félix Fernández; ademais do seu director, Rafael Doctor, na figura de co-director.

Máis de 350 participantes en catro anos

Encontro de Artistas Novos ‘Cidade da Cultura’ naceu en setembro de 2011 baixo a dirección de Rafael Doctor, figura ben recoñecida no mundo da arte contemporánea española. Tras catro edicións, o EAN é hoxe un formato consolidado no que o ao redor de 350 creadores presentaron as súas propostas artísticas no Gaiás. Recoñecidos artistas como Jorge Perianes, Lois Patiño ou Nuria Güell foron participantes no seu día dalgunha das edicións do EAN cando aínda comezaban a abrirse paso no mundo da arte. 

O Encontro de Artistas Novos, que celebrará a súa quinta edición galega no mes de setembro na Cidade da Cultura, tamén favoreceu a presenza en Santiago de Compostela de destacados artistas como Dora García, Din Matamoro, Cristina Lucas, Carlos Maciá, Rogelio López Cuenca ou Carmen Nogueira, que compartiron xornadas formativas cos mozos participantes.