Smashed, circo de vangarda no Gaiás

Santiago de Compostela, 31 de Marzo de 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria trae o vindeiro 3 de maio ao Gaiás a unha das mellores compañías de circo contemporáneo, Gandini Juggling. O grupo británico representará un dos espectáculos máis aclamados pola crítica e o público nos últimos anos: Smashed.

Nove malabaristas, 80 mazás, catro xogos de té e un calidoscopio que rompe esquemas. Estes son os protagonistas principais de Smashed, espectáculo inspirado na obra da excelente bailarina alemá Pina Bausch. Este show combina teatralidade, xogos de malabares e unha sincronización perfecta entre os 9 malabaristas que integran a formación artística.

Cunha estética dos anos 40 e ao ritmo de cancións de época, Smashed preséntase como un espectáculo cheo de humor, relacións tensas, amores imposibles, inocencia perdida e o estraño encanto dun té a media tarde.

Éxito de público e crítica

Considerada unha das mellores compañías do mundo na arte dos malabares, Gandini Juggling chega por primeira vez a Galicia cun espectáculo aclamado pola crítica –obtivo o Premio Herald Angle no festival de Edimburgo- e representado máis de 200 veces desde 2011.

Gandini Juggling fundouse en 1992 polo malabarista Sean Gandini e a ximnasta rítmica Kati Ylä-Kokkala, e desde entón lideran a vangarda do circo contemporáneo, con máis de 4.000 espectáculos en 40 países, reinventando o malabarismo e a danza en cada perfomance, e sumando artistas de diversos lugares do mundo.

As entradas xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura e no portal www.servinova.com. O prezo das entradas é de 12 euros na Zona A e de 10 euros na Zona B, prezos que se elevarán a 14 e 12 respectivamente o día do espectáculo na billeteira. No caso de que as entradas se adquiran en Servinova, haberá que sumarlle os gastos de xestión.