O Gaiás convida aos escolares a celebrar o Día do Medio Ambiente

Acubillando a fauna do Gaiás
Santiago de Compostela, 19 de Maio de 2016

A Cidade da Cultura de Galicia convida aos escolares galegos a celebrar os vindeiros 6 e 7 de xuño o Día do Medio Ambiente cuns obradoiros patrocinados por Viaqua nos que descubrir a importancia da fauna e contribuír á súa protección no Bosque de Galicia.

Dirixido a escolares de 6 a 12 anos, a Cidade da Cultura propón unha actividade didáctica na que construír caixas niño para paxaros e refuxios para morcegos e réptiles. Acubillando a fauna do Gaiás contará cun total de catro quendas (dúas cada día), nas que os rapaces recibirán unha pequena charla sobre a importancia ecolóxica destas especies antes de construír os diferentes refuxios.

Os participantes nesta actividade didáctica colocarán os niños elaborados no Bosque de Galicia coa axuda dun monitor, mentres que serán eles mesmos quen o fagan no lago do Gaiás. Cada elemento será xeolocalizado mediante GPS para que os rapaces saiban exactamente onde os situaron e poidan volver periodicamente a comprobar a súa importante labor na protección do medio.

De balde previa inscrición

Para participar nesta actividade, os centros escolares poden facer a súa solicitude, totalmente de balde, no teléfono 881 9975 84 ou no correo electrónico visitas@cidadedacultura.gal.

Con esta actividade, Cultura e Educación e a Cidade da Cultura buscan concienciar aos máis pequenos da importancia de conservar a nosa biodiversidade, ademais de facelos partícipes no proceso de naturalización do ecosistema do Gaiás cuns obradoiros que permitan dar acubillo a parte da fauna que o habita.

 
Acubillando a fauna do Gaiás
Acubillando a fauna do Gaiás
Acubillando a fauna do Gaiás