O Gaiás acolle os Premios Mágnum do Viño Galego

Santiago de Compostela, 12 de Marzo de 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria contribúe á promoción e difusión da cultura do viño colaborando na IV edición dos Premios Mágnum do Viño Galego, que se entregarán o vindeiro martes 18 de marzo no Gaiás.

Será na gala de entrega dos Premios Mágnum do Viño Galego, onde se recoñecerá o traballo dos mellores profesionais do viño en Galicia a través de seis categorías: mellor viño galego, mellor viño revelación galego, mellor adega de Galicia, mellor labor de divulgación do viño galego, mellor sumiller no tratamento do viño galego, ademais dun premio honorífico, o ‘Magnum Viñolvidable’, que se concede a personaxes destacados na historia do viño en Galicia.

A gala de entrega da IV edición dos Premios Mágnum do Viño Galego celébrase o vindeiro martes, 18 de marzo, ás 18:00 horas no Centro de Innovación Cultural do Gaiás e contará cun total de 200 convidados. Así llo indicaron aos medios esta mañá Beatriz González Loroño, directora xerente da Fundación Cidade da Cultura de Galicia; Xoán Cannas, director do Instituto Galego do Viño, entidade promotora dos galardóns; e Reyes Leis, tenente de alcalde do Concello de Santiago de Compostela e edil de Emprego, Turismo e Mercados.

Os premios serán outorgados por un xurado de profesionais seleccionados polo Instituto Galego do Viño relacionados co sector, desde sumilleres a xornalistas, comunicadores, adegueiros, ente outros. A diferenza de moitos premios, os Mágnum non valoran unicamente unhas características organolépticas dos caldos, senón o traballo dos profesionais do sector que hai detrás dos viños, da sa dun restaurante ou da columna dun xornal.

Galardoados de recoñecido prestixio

Entre os premiados de anteriores edicións atópanse algúns dos viticultores máis recoñecidos de Galicia como José Luis Mateo, Luis Anxo Rodríguez ou Horacio Fernández Presa, ademais da Obra Social Novacaixagalicia, o enólogo Raúl Pérez ou restaurantes destacados no tratamento do viño en Galicia como Casa Solla ou vinoteca Bagos.