O Museo Centro Gaiás celebra o vindeiro 30 de outubro un novo Magosto no Gaiás, que nesta edición estará dedicada ao baile. Para iso, contará coas actuacións de Os Cempés e os pandereteiros de O Fiadeiro, que estarán precedidas dunha degustacións de castañas da Indicación Xeográfica Protexida ‘Castaña de Galicia’.
Por terceiro ano consecutivo, a Cidade da Cultura e Agadic celebran a chegada do outono cun tradicional magosto, que nesta ocasión conta cun programa que xira ao redor da danza galega e das danzas de roda europeas con música ao vivo. O obxectivo é lograr un espazo para o divertimento, o exercicio e a interacción social dun xeito lúdico, distendido e informal. Mais tamén unha oportunidade para a aprendizaxe de novos xéneros e bailes, conectando ao público galego ao movemento internacional do Bal Folk que en Europa vive un momento de grande intensidade.
Para conseguilo, a partir das 21:00 horas, o Museo Centro Gaiás contará coas actuacións de O Fiadeiro e Os Cempés, que achegarán o público a un repertorio de músicas tradicionais para un obxectivo único: bailar. A festa virá precedida dun magosto tradicional, que arrancará ao redor das 20:00, con degustación de castañas da IXP ‘Castaña de Galicia’.
O magosto máis o concerto teñen unha entrada conxunta de 5€, que poden adquirirse na billeteira do Museo Centro Gaiás, de martes a domingo de 10 a 20 horas, ou por internet a través de www.ataquilla.com (+gastos de xestión). Como toda a programación da Cidade da Cultura, o ‘Magosto no Gaiás’ conta con descontos para os socios do Club Gaiás e diversos colectivos especiais que se poden consultar aquí.
Obradoiros de balde pola tarde
Mais o Magosto deste ano non se limitará á noite. Será un programa ao redor da danza galega e das danzas de roda europeas con música en vivo, que contará a partir das 17 horas con tres obradoiros de iniciación ao baile: un serán con Sandra Vázquez, bailes en parella con Suso Cancelas e bailes de roda con Pili Conde.
Os obradoiros son de balde mais é preciso inscribirse previamente. As actividades son para todos os públicos pero no caso dos menores de 12 anos deberán vir acompañados dun adulto.
