Este sábado aprende a vivir no Museo Centro Gaiás como as tribos do Amazonas

Santiago de Compostela, 02 de Setembro de 2013

Queres saber como se vive no Amazonas? E construír coas túas mans a túa casa? Gustaríache coñecer como era a vida das tribos cando os primeiros exploradores chegaron á selva? A Cidade da Cutura convida aos máis pequenos da casa a aproximarse á cultura e ao modo de vida das tribos do Amazonas a través do Obradoiro de arquitectura indíxena, que terá lugar no Museo Centro Gaiás este sábado 7 de setembro.

Incluído no programa de actividades co que se busca achegar a exposición Orinoco. Viaxe a un mundo perdido a todo tipo de públicos, este obradoiro ofrécelle aos máis pequenos a oportunidade de viaxar no tempo e descubrir as vivendas que atoparon os exploradores cando descubriron o Orinoco, os materiais respectuosos co medio natural que empregaron e cales delas permanecen ata a actualidade.

Xunto a estes coñecementos, os nenos poderán construír coas súas propias mans as dúas vivendas máis prezadas na selva e que perduraron ata a actualidade: as churuatas ou vivendas do bosque, e os palafitos (vivendas sobre a auga), dúas iconas da cultura venezolana e do seu afán por vivir en harmonía coa natureza.

O Obradoiro de arquitectura indíxena terá lugar no Museo Centro Gaiás este sábado 7 de setembro en dúas quendas: 12:00 e 17:00 horas con 25 prazas cada unha. O obradoiro ten un prezo de 3 euros e as entradas poden adquirirse no Punto On da Cidade da Cultura ou en www.servinova.com venta (máis gastos de xestión).

Éxito de 'Unha noite no Orinoco'

Obradoiro de arquitectura indíxena celébrase no Gaiás tras o éxito da actividade Unha noite no Orinoco, pola que cen nenos pasaron a noite no Museo Centro Gaiás como se dun campamento se tratase.

En catro sesións de 25 prazas, os participantes viviron unha auténtica aventura nocturna no Campamento Tepuy, situado na planta menos un do Museo Centro Gaiás. Cargados cos seus sacos de durmir, os pequenos expedicionarios escoitaron da man do xamán os ritos das distintas etnias e as súas lendas ancestrais, formaron parte dunha danza tribal e pasaron a noite baixo as estrelas do Gaiás.

A actividade contou cunha alta demanda, esgotando entradas ao pouco de saír á venda, e contou cunha nota media de valoración dun 9’5 por parte dos usuarios.