A Cidade da Cultura acollerá do 3 ao 16 de novembro de 2018 o Mundial de Xadrez nas categorías Sub-8, Sub-10 e Sub-12, no que participarán ao redor de 3.000 persoas de case 100 países de todo o mundo. Así se deu a coñecer esta mañá no Concello de Santiago nun acto no que estiveron presentes o alcalde de Santiago, Martiño Noriega; as concelleiras de Turismo e Deporte, Marta Lois e Noa Morales; a directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez e os presidentes das Federacións Española e Galega de xadrez, Javier Ochoa de Echagüen e Gaspar Pérez Carnero.
Santiago de Compostela foi elixida sede destes campionatos no congreso da Federacion Internacional de Xadrez (FIDE) que tivo lugar en setembro de 2016 en Baku (Azerbaijan), sendo a final con Turquía. As anteriores edicións destes mundais téñense celebrado en Grecia (2015) e Georgia (2016), sendo Brasil a elixida neste 2017 e que acollerá o mundial no mes de outubro.
Na súa presentación, a concelleira de Deporte, Noa Morales, destacou que “Compostela non só é cidade de encontro, capital do país e cidade chea de carga simbólica senón que tamén somos unha cidade capital do deporte e ademais referente pola nosa aposta polo deporte de base”.
Enorme impacto económico
Estímase que o campionato contará con 3.000 persoas dun cento de países que suporán un impacto económico para a cidade de aproximadamente 5 millóns de euros, “o dobre do que supuxo un evento como o Womex 2016” tal e como sinalou o alcalde de Santiago, Martiño Noriega. O rexedor definiuno ademais como “un dos eventos máis importantes que se teñen celebrado nunca na cidade”.
A directora xerente da Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez, amosouse moi satisfeita por que “ a organización teña atopado na Cidade da Cultura os espazos, as condicións técnicas e a experiencia que se precisan para traer a Galicia un evento desta natureza” e engadiu que “ o mundial terá lugar no Museo Centro Gaiás, que ten acollido eventos internacionais de repercusión, como foron as dúas edicións do WOMEX, a feira de world music máis grande do mundo, ou o Spin, o maior evento de talento universitario de España, Portugal e América Latina, ademais dun número destacado de eventos culturais, comerciais e empresarias”.
Pola súa banda, tanto o presidente da Federación Española de Xadrez, Javier Ochoa, como o presidente da Federación Galega de Xadrez, Gaspar Pérez, relataron como foi este proceso de elección de Compostela como sede, describiron outras actividades que se van levar a cabo durante o campionato e do ritmo de programación previsto para o desenvolvemento da proba. Ademais tamén puxeron o foco no que significará deportivamente este evento para o conxunto da cidade, para Galicia e o Estado.
O acto de presentación serviu tamén para dar a coñecer a mascota do evento, que ademais de contar con detalles do propio xadrez, está vestida de peregrina e leva un sombreiro azul coa vieira característica do Camiño e o tradicional caxato que usan as persoas que peregrinan a Compostela.
