Celebra o Día da Música con Carlos Núñez

Santiago de Compostela, 27 de Maio de 2015

A Cidade da Cultura celebrará o vindeiro 20 de xuño o Día da Música cun concerto moi especial en colaboración con Red Eléctrica: o gaiteiro Carlos Núñez, acompañado da súa banda e un nutrido grupo de amigos, renderalle tributo ao folclorista Alan Lomax.

O Museo Centro Gaiás será o escenario deste concerto co que un dos nosos gaiteiros máis  internacionais abriu os actos na Library of Congress de Washington, en homenaxe ao folclorista máis importante do século XX no centenario do seu nacemento: Alan Lomax.

Carlos Núñez, acompañado polo seu grupo e varios novos valores da nosa música, acompañarán en directo algunhas das máis sobranceiras gravación galegas de Lomax. A música estará acompasada por unha proxección coas fotos que o propio Lomax tomou en Galicia e pola lectura dos seus cadernos de notas, algúns –concretamente os que fan referencia a Galicia- aínda inéditos.

Entradas desde 8 euros

As entradas para o concerto xa están á venda no Punto On da Cidade da Cultura ou a través de www.ataquilla.com (+gastos de xestión). A entrada na Zona B será de 8€ e a da Zona A de 10€. Como todos os espectáculos da Cidade da Cultura, existe un desconto para colectivos especiais (xubilados, desempregados, discapacitados, familias numerosas, estudantes e traballadores da USC e carné xove) que poden consultarse aquí. 

Ademais, os socios do Club Gaiás poderán facerse coa súa entrada cun 40% de desconto (6€ na Zona A e 5€ na Zona B). Tanto no Punto On como en www.ataquilla.com (+gastos de xestión) é posible facerse co bono 3x2 (tres entradas a prezo de dúas) e o bono 4x3 (catro entradas a prezo de tres). 

O folclorista máis importante do século XX

Alan Lomax foi un namorado da música de Galicia desde que a visitou cando se mudou a Europa nos anos 50 fuxindo da caza de bruxas anticomunista nos Estados Unidos. Grazas a el, produciuse unha das primeiras gravacións verdadeiramente universais baseadas en música galega: The Pan Piper do Sketches of Spain (1960) de Miles Davis, gravado orixinalmente por Lomax como Alborada de Vigo. 

Ademais, Lomax foi o primeiro en gravar a Muddy Waters e as súas gravacións de campo foron versionadas por Aaron Copland, Led Zeppelin, ou Johnny Cash. Ao igual que Carlos Núñez, Alan Lomax cría na conexión celta da música galega e tamén na importancia que para esta tivo o Camiño de Santiago. 

Pola súa banda, o galego Carlos Núñez está considerado internacionalmente como un músico extraordinario, dos máis serios e brillantes do mundo. Ao longo destes anos, leva vendidos 1.000.000 de discos no mundo, obtivo un Premio Ondas, dúas candidaturas en solitario aos Grammy latinos e galardóns en todo o mundo.