A Biblioteca de Galicia retoma este venres o ciclo '10 anos, 10 autores, 10 libros' coa escritora Fina Casalderrey

Santiago de Compostela, 30 de Agosto de 2021

A Biblioteca de Galicia reinicia en setembro a programación coa que celebra o seu décimo aniversario. Esta semana volve poñer en marcha o ciclo 10 anos, 10 autores, 10 libros, deseñado co obxectivo de que algunhas das nosas voces narradoras máis representativas compartan co público as súas suxestións literarias. A primeira cita será este venres 3 ás 19,00 horas coa autora Final Casalderrey. De novo na compaña doutras persoas relevantes da nosa cultura, as autoras e autores que participarán nestas novas sesións seleccionarán un título da nosa literatura que servirá de fío condutor dunhas conversas únicas e persoais.

Fina Casalderrey abrirá estas sesións de faladoiros abertos no Auditorio Neira Vilas e estará acompañada na súa conversa por Eulalia Agrelo, profesora de Didáctica da Lingua da Universidade de Vigo. A súa charla terá como referencia Retrincos, a colección de cinco relatos autobiográficos de Castelao que Fina Casalderrey recoñece como un dos referentes na súa traxectoria literaria e persoal.

O ciclo continuará ata o mes de outubro coas intervencións de Pedro Feijoo (o 17 de setembro), Santiago Lopo (o 1 de outubro), Andrea Maceiras (15 de outubro) e Juan Tallón (o 29 de outubro) até completar a nómina dos dez participantes nestas xornadas que abriron no mes de xaneiro con Arantza Portabales, Ledicia Costas, Domingo Villar, María Solar e María Canosa.

Da súa man, as persoas asistentes descubrirán outras cinco pezas da nosa literatura que marcaron a súa traxectoria e que se suman ás exploradas nas sesións anteriores, como Que me queres amor?, (Manolo Rivas), Cartas de inverno (Agustín Fernández Paz), Cousas (Castelao), O misterio das badaladas (Xavier P. Docampo) e Berta non soubo voar (Concha Blanco). As obras seleccionadas para cada sesión iranse desvelando días antes de que teñan lugar cada un dos encontros, todos eles ás 19,00 horas na Biblioteca de Galicia.

As entradas dispoñibles para estas actividades serán de balde previa inscrición na web da Cidade da Cultura. Todos os eventos retransmitiranse en streaming na canle de Youtube da Cidade da Cultura.

Ampla programación

10 anos, 10 autores, 10 libros enmárcase no programa de actos cos que este ano a Xunta está a conmemorar o décimo aniversario da Biblioteca, que inclúe exposicións temáticas sobre figuras como as escritoras Emilia Pardo Bazán ou a homenaxeada nas Letras Galegas, Xela Arias. Entre outras actividades, o Goberno autonómico tamén impulsará unha exposición retrospectiva que permita afondar nos 10 anos de historia da Biblioteca, e que se poderá visitar a partir do mes de outubro.

Trátase dunha mostra para coñecer de preto o labor e o rico patrimonio bibliográfico que atesoura que inclúe o depósito legal de todas as publicacións editadas en Galicia, así como o legado cultural deixado por Isaac Díaz Pardo, obras e gravados de Seoane, a biblioteca de Basilio Losada, obras de Carlos Casares ou a máis completa cartografía de Galicia forman parte dos fondos abertos a toda a cidadanía.