Benvidos a Cidade Imaxinaria 2015!

Santiago de Compostela, 03 de Agosto de 2015

Benvidos ao maior espectáculo do mundo! Cidade Imaxinaria volve ao Gaiás para converterse por un día nun circo xigante onde todo pode suceder: viaxeiros equilibristas, bombeiros malabaristas, pallasos magos, principiantes de trapecistas e ata dj’s perruqueiros se darán cita na praza central da Cidade da Cultura para facer dos soños unha realidade.

O Gaiás celebrará o vindeiro 22 de agosto unha nova edición de Cidade Imaxinaria, un dos clásicos do verán do Gaiás que o ano pasado conseguiu reunir a unhas 12.000 persoas na praza central do complexo deseñado por Peter Eisenman. De 11 a 21 horas, e durante dez horas ininterrompidas, grandes e pequenos poderán volver sentir a maxia do circo nunha quinta edición que recupera a esencia do “maior espectáculo do mundo”. 

Esta quinta edición de Cidade Imaxinaria céntrase na máis pura esencia do circo para que nenos e maiores gocen de divertidos e sorprendentes espectáculos ao aire libre durante toda unha xornada de xogos e diversión. Ata este fantástico mundo se desprazarán os irmáns Herrerita para aprendernos a xirar o prato, facer malabares ou colgarnos do trapecio; atoparemos aos ananos acrobáticos de Namorado do aire; escacharemos coa risa cos tres aprendices de trapecistas, malabaristas e equilibristas de Vaia circo!; treparemos a un mástil chinés cun viaxeiro no tempo subido nun Sidecar; escaparemos da tola mangueira coa que nos queren regar os Pompiers, e ata descubriremos os trucos de maxia de Les Artuans.

Os espectáculos combinánse con divertidos xogos para todas as idades: desde o Apicirc, onde os máis pequenos da casa construirán o seu propio circo; ata os múltiples e imaxinativos pasatempos do Arriero de juegos  e a Árbore dos xogos. Cidade Imaxinara convídanos a converternos en intrépidos peregrinos e superar ata un total de 24 probas para conseguir a nosa credencial Xogando no Camiño e a lucir os máis enxeñosos e divertidos peinados grazas a dúas perruqueiras tolas e un creativo dj en Senta a cabeza 

A cor e a música tampoco poden faltar a esta cita co circo e a fantasía. Por iso, Cidade Imaxinaria contará cos Cock-Tales, divertidos músicos con plumas; coas acrobacias e bailes de Le Cabaret e cunha despedida por todo o alto: o elegant e hipnotizante baile dos Colors. 

Servizo de Cantina

Para repoñer forzas, a Cantina do Gaiás contará con servizo de comidas, así como un posto de comida rápida. Para os máis larpeiros, na praza instalaranse postos de xeados, algodón de azucre, doces e flocos de millo, que se poderán tomar na carpa de descanso prevista para retomar folgos. 

Visita de balde ao Museo Centro Gaiás

Con motivo da celebración do festival Cidade Imaxinaria, o 22 de agosto a entrada o Museo Centro Gaiás de balde para poder visitar en familia a exposición Camiño. A orixe. E para os que queiran coñecer un pouco máis sobre a mostra, o Museo contará con dúas visitas guiadas ao longo do día: 12:30 e 18:30 horas. 

Os que prefiran visitala pola súa conta han de recordar que o Museo Centro Gaiás dispón dunha aplicación para móbiles e tabletas de descarga gratuíta, na que poderán descubrir as historias que se agochan tras as obras de arte.