Auga Doce, de balde a primeira semana

Santiago de Compostela, 19 de Marzo de 2014

A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria anuncia que a visita á exposición Auga Doce será gratuíta durante a primeira semana co fin de que todos os interesados poidan achegarse a gozar desta mostra que se inaugura o próximo venres 21 de marzo, na véspera do Día Mundial da Auga. A partir da primeira semana, a exposición poderá tamén visitarse de balde todos os domingos ata a súa clausura o 14 de setembro.

Auga Doce preséntase como unha oportunidade única para contemplar obras de grandes nomes da historia da arte procedentes de 140 institucións nacionais e internacionais de recoñecido prestixio, como o MoMA, o Victoria & Albert, o Rijksmuseum, o Musée D’Orsay, o Reina Sofía ou o Thyssen-Bornemisza, ademais de pezas procedentes dos principais museos e coleccións galegas, como o CGAC, o Museo de Belas Artes da Coruña ou o Museo de Pontevedra.

Pinturas, esculturas, fotografías, vídeos, instalacións, enxeños científicos ou pezas etnográficas mergullarán ao visitante nunha intensa experiencia estética a través de grandes nomes da creación contemporánea como David Hockney, Gerhard Richter, Mario Merz, Louise Bourgoise, Martín Chirino ou Chema Madoz e mestres clásicos da talla de Piranesi, John Constable, Henry Lewis ou Audubon.

A exposición conta co patrocinio da Gas Natural Fenosa, Fundación Aquae, Banco Sabadell, ademais da Fundación Gaiás e organízase coa colaboración de Finsa, Balnearios de Galicia, Agamin, Coca Cola, Obra Social “La Caixa” e Augas de Mondariz. 

Visitas guiadas e programa didáctico

Para os visitantes que queiran disfrutar dunha experiencia máis completa desta exposición o Museo Centro Gaiás organizará, ademais, visitas guiadas todos os días –de martes a domingo- ás 12.30 e 18.30 horas. Os luns o museo permanecerá pechado.

A exposición Agua Doce conta cun completo programa de visitas didácticas en colaboración con La Obra Social “La Caixa”. Dirixido a todos os niveis educativos, dende os ciclos de Educación Infantil ata as ensinanzas universitarias, con contenidos adaptados, os centros interesados poden reservar xa a súa visita en visitasdidacticas@cidadedacultura.org ou ben a través do teléfono 881997584.

Durante a primeira fin de semana –sábado 22 e domingo 23-, os visitantes poderán participar tamén de xeito gratuíto nunha cata de augas minerais galegas, grazas á colaboración de Augas de Mondariz e AGAMIN, a Asociación Galega de Empresas Envasadoras de Augas Minerais Naturais, entidade colaboradora da exposición Auga Doce. 

Programa de descontos

Tal e como se fixo con Gallaecia Petrea e Orinoco. Viaxe a un mundo perdido, esta nova mostra opta por seguir unha fórmula mixta que combina entrada de pago con amplos beneficios para determinados colectivos. Deste xeito, o acceso será de balde para os menores de 18 anos, xubilados e desempregados. Ademais, os domingos será o día de portas abertas para todos os visitantes.

A entrada xeral terá un custo de 4 euros, con ticket reducido de 2 euros para estudantes, familias numerosas, titulares de carné xoven, discapacitados e grupos de máis de vinte persoas.

Mensaxe sostible e solidaria

A mostra colabora con dúas organizacións humanitarias: a ONG galega ‘Pozos de Auga Mayo Rey’, que está a traballar na construción de pozos nunha das rexións máis desfavorecidas de Camerún; e “Acción Contra el Hambre”, dedicada a promover o acceso a auga potable. 

Este discurso ambiental e solidario de Auga Doce leva a enmarcar esta exposición no marco do VIII Centenario da Peregrinación de San Francisco de Asís a Santiago de Compostela (1214-2014), pasando a integrar unha ambiciosa programación que pretende impulsar a dinamización turística e cultural de Galicia.