Aberta a convocatoria para os III Premios 'Emprende Gaiás-Sixto Seco'

Santiago de Compostela, 08 de Maio de 2015

A Cidade da Cultura de Galicia convoca a terceira edición dos Premios Emprende Gaiás-Sixto Seco, concurso de ideas e proxectos innovadores co que dar apoio aos emprendedores e dinamizar as industrias culturais de Galicia, que nesta edición conta coa colaboración de Sabadell Gallego.  

A convocatoria permanecerá aberta ata o 15 de xullo e con ela, a Cidade da Cultura busca poñer en marcha ideas ou proxectos innovadores no mundo das industrias culturais artelladas en tres modalidades: aplicacións informáticas ou proxectos culturais en internet, proxectos na área do deseño e na área da xestión cultural. 

O premio en cada unha das modalidades será a incorporación gratuíta durante doce meses ao espazo de coworking da Cidade da Cultura e un premio en metálico de 2.000 euros para cada proxecto para contribuír ao financiamento da nova empresa. 

Criterios de avaliación

Esta terceira convocatoria esta destinada a titulados de ciclos medios e superiores de Formación Profesional e das ensinanzas profesionais de artes plásticas, titulados e diplomados de escolas de arte, licenciados e diplomados universitarios en humanidades e/ou calquera outra rama artística e calquera outra persoa licenciada ou diplomada con vinculación no emprendemento cultural e que desexen desenvolver a súa actividade na Cidade da Cultura. 

Xunto coa solicitude de participación, os interesados deberán presentar os seus traballos e documentación acreditativa da súa formación á Fundación Cidade da Cultura de Galicia. Tanto as bases do concurso como a solicitude de inscrición están dispoñibles en www.cidadedacultura.gal e www.edu.xunta.es. 

Á hora de avaliar os proxectos terase en conta –e por orde de importancia- o carácter innovador e a creatividade da idea presentada, as posibilidades de se converter nun proxecto viable, a adecuación do proxecto á modalidade presentada, a integración de perfís profesionais dos participantes e a súa capacidade dinamizadora e o impacto na súa área de influencia. 

Seis proxectos xa en marcha

Desde a posta en marcha en 2013 dos primeiros Emprende Gaiás-Sixto Seco, seis empresas do ámbito cultural comezaron a desenvolver a súa actividade no Coworking Gaiás do Centro de Emprendemento da Cidade da Cultura. 

Os gañadores da primeira edición foron Hugo Crespo Pazos co proxecto Coolto, unha ambiciosa axenda cultural galega; Isabel Albela González con Boh; unha novidosa liña de regalos e souvenirs; e Planeta Namec de Benjamín Trillo. 

No 2014, resultaron gañadores Santiago Berdullas con Kappowsky, unha aplicación de xeolocalización en espazos culturais para teléfonos móbiles e tablets; Soraya Redondo Taboada co seu proxecto téxtil Frigilda is dead; e Clara Rodríguez Cordeiro con 7H Cooperativa Cultural, un proxecto de traballo asociado para profesionais de xestión e creación contemporánea.  

Os tres desenvolven nestes momentos o seu proxecto no Centro de Emprendemento do Gaiás, que engloba un espazo de coworking, un viveiro de empresas e o espazo de crowdworking Galicia Open Future, en alianza con Telefónica e a Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (Amtega). Tres iniciativas que, a día de hoxe, reúnen un cento de proxectos, consolidándose como un motor do apoio a innovación empresarial a xeración de novas empresas en Galicia. 

Homenaxe a Sixto Seco

Os premios Emprende Gaiás-Sixto Seco homenaxean a figura dun promotor cultural de primeira orde como foi o médico e intelectual galego Agustín Sixto Seco. Ademais do seu papel clave na medicina galega, Agustín Sixto Seco participou desde a década dos 70 en proxectos editoriais como Galaxia, en padroados como o de Rosalía de Castro e da Fundación Otero Pedrayo, así como en institucións como Penzol, Castelao, Camilo José Cela e o Museo do Pobo Galego. 

Tras a súa morte, e biblioteca e arquivo persoal deste intelectual –integrada por máis de 4.000 volumes que abarca desde importante exemplares dos primeiros tempos da edición galega de posguerra, especialmente de Galaxia, fondos americanos procedentes da emigración, abundantes obras sobre Galicia, así como de medicina ou temas históricos, relixiosos, políticos e literarios- forman parte da Biblioteca de Galicia da Cidade da Cultura.