A Xunta de Galicia acaba de anunciar os nomes que completan os concertos gratuítos de verán na Cidade da Cultura. Israel B, Santa Salut e Silee son os artistas que actuarán o xoves 13 de agosto na segunda edición do Atardecer Fest, unha xornada dedicada aos ritmos urbanos que completa o ciclo de actuacións deste ano en Atardecer no Gaiás.
En activo na escena do rap española desde o ano 2008, Israel B participou na formación de Takers, grupo de culto do underground madrileño, ata comezar a súa carreira en solitario a finais de 2018. Os seus dous primeiros traballos conseguiron colarse no TOP 100 de álbums de España e logrou o disco de ouro co seu tema YYANOSE. En 2021 superaría ese éxito inicial co lanzamento de Tranquilísimo, colaboración con C. Tangana que o levou a conseguir o disco de platino e estar entre os dez artistas máis escoitados en Spotify no país. Cada novo tema de Israel B é celebrado por unha comunidade de fans que supera os 835.000 ouvintes mensuais en plataformas.
Desde Sabadell chega ao escenario da Praza central do Gaiás Santa Salut, outro dos referentes na xeración máis nova de rapeiras en España. Influenciada polo rap e o hip hop dos 80, 90 e 2000, Santa Salut comezou a escribir os seus temas aos 16 anos e desde 2018 móvese tanto por escenarios de clubs e locais de Cataluña e do resto do país como é quen protagonizar unha xira internacional por Europa e América Latina para presentar o seu terceiro traballo, Queens of groove. As súas cancións caracterízanse por tratar temas sociais e manter un enfoque feminista.
O terceiro artista urbano que participará no Atardecer Fest é Silee, unha das novas voces da escena en Galicia. Un carácter curioso e inquedo leva a este mozo de Bueu a producir el mesmo tanto os seus temas como os seus videoclips, nos que transita con naturalidade por xéneros como a bachata ou a cumbia, entre outros moitos. O seu tema Milajros de Amil converteuse nunha das cancións máis escoitadas de 2026, chegando a acadar preto de medio millón de reproducións en apenas dous meses e entrando na lista das 20 cancións máis virais de España en Spotify.
Diversidade de estilos
Con estas tres incorporacións, o cartel de Atardecer no Gaiás suma un total de 14 artistas e bandas que encherán de música a Praza central da Cidade da Cultura ata o 14 de agosto. O ciclo, que volve contar co apoio de Cervezas Alhambra, forma parte da campaña de verán Para gustos, cultura, coa que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude impulsa máis de 3.600 actividades en 200 municipios de toda Galicia.
A escena galega ten un papel destacado nesta décimo sexta edición, coa participación de novos valores e artistas veteranos que se adscriben a estilos tan variados como o punk (Lisdexia), o rock (Bala, Dogo, Carlangas), a electrónica (Galician Army), o novo tradi (Sheila Patricia, Unto Vello, Maricarme), o pop (Marrit) ou a música urbana (Silee, 9Louro). Unha diversidade que mostra a pluralidade e ampla proxección do talento musical na Comunidade.
