A Xunta reúne no Gaiás a 28 artistas emerxentes nun ‘Encontro de Artes Novas’ que pon o foco no diálogo entre creación e tecnoloxía

Santiago de Compostela, 02 de Setembro de 2026

O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, recibiu hoxe na Cidade da Cultura aos 28 artistas, investigadores e profesionais emerxentes do sector cultural que ata este venres 4 de setembro terán a oportunidade de amosar o seu traballo e de compartir prácticas, metodoloxías e inquedanzas na décimo sexta edición do Encontro de Artes Novas.

O programa deste consolidado foro da arte contemporánea inclúe presentacións de proxectos, conversas con artistas, mentores e profesionais, e tamén unha sesión de traballo colectivo, formatos que apostan pola aprendizaxe mutua entre novos creadores e figuras consolidadas. Ademais, esta edición pon especial atención á intersección entre arte e tecnoloxía e lanza a primeira convocatoria da Residencia Artística EAN, dirixida a apoiar proxectos de creación ou investigación neste ámbito.

O director xeral de Cultura referiuse ao encontro como “un dos foros indiscutibles da nova creación en España, co que a Xunta continúa a reafirmar o seu compromiso e apoio ao talento emerxente”. Unha aposta, remarcou Anxo M. Lorenzo, que se atopa “no ADN da Cidade da Cultura” e que ademais permite dar continuidade a “sólidas e produtivas alianzas” como a establecida nesta iniciativa coa Fundación Banco Sabadell, a quen o representante da Xunta de Galicia agradeceu o seu “apoio e compromiso a este proxecto que é un piar imprescindible da programación do Gaiás desde 2011”.

No acto de apertura, Anxo M. Lorenzo estivo acompañado da responsable de Alianzas da Fundación Banco Sabadell, Guadalupe Roncoroni, ademais da directora xerente da Fundación Cidade da Cultura, Ana Isabel Vázquez Reboredo, e a directora do EAN, Chus Martínez Domínguez.

Como novidade desta edición, as persoas que tomen parte no Encontro de Artes Novas poderán optar a unha residencia artística,  dirixida a materializar un proxecto no ámbito da arte e a tecnoloxía a través dunha estadía de traballo no Gaiás, unha dotación de 12.000 euros, acompañamento curatorial e acceso a recursos, en liña coa futura posta en marcha no Gaiás do Centro Galego de Artes Dixitais.

Deste xeito, esta iniciativa conéctase co programa de residencias REGA, que a Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude ten en marcha para impulsar a creación artística tirando proveito das estruturas e equipamentos punteiros da Cidade da Cultura, así como de alianzas con organizacións e colectivos de renome dentro da creación contemporánea. 

Un espazo para dialogar e compartir procesos 

O programa do encontro complétase con relatorios de talentos recoñecidos como a escritora, comisaria e podcaster Sonia Fernández Pan —que realiza desde 2021 a serie de podcasts The Tale and The Tongue  co Instituto de Arte, Xénero e Natureza da Escola Superior de Deseño e Arte de Basilea— ou o profesor e investigador en Filosofía da Tecnoloxía, Pablo Sanguinetti, autor do libro Tecnohumanismo. Por un diseño narrativo y estético de la inteligencia artificial. Especialista na relación entre tecnoloxía, humanidades e creatividade e nas narrativas culturais ao redor da intelixencia artificial, Sanguinetti é profesor en IE University e foi anteriormente membro do Google News Lab, programa de innovación para a industria da prensa.

A apertura do programa correu a cargo da dupla artística Clo-Plas, unha proposta sonora única e radical da poeta e xornalista Xiana Arias e o artista e investigador Berio Molina, que fusionan versos e electro-pop minimalista coa oralidade popular da Fonsagrada. Por último, incluirase tamén unha sesión para coñecer como se artella un dos espazos culturais máis dinámicos e innovadores de España no eido da creación contemporánea: Medialab Matadero; así como unha sesión de traballo colectivo conducida pola artista de novos medios Laura Tabarés e o arquitecto, artista visual e docente, Jacobo Bugarín. Ambos recuncan no EAN tras seren seleccionados como participantes en anteriores edicións do encontro.