O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe a exposición Mulleres Sobranceiras. Luísa Villalta. Música, palabra e compromiso no Arquivo de Galicia como parte da programación da Xunta de Galicia con motivo do Día Internacional da Muller. Trátase dunha mostra que recupera parte dos fondos persoais da autora, recentemente cedidos pola familia, e que pode visitarse ata o vindeiro mes de decembro.
No acto de apertura, López Campos amosou o seu “fondo agradecemento á familia de Luísa Villalta por pór a disposición do público a súa colección persoal” e sinalou que, desde este momento, “o Arquivo de Galicia se constitúe como unha das institucións de referencia para o estudo da figura da autora”. No acto estivo acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, de Susana Villalta, irmá da homenaxeada, e por María del Mar García Miraz e Miguel López Sánchez, comisarios da exposición.
O titular de Cultura da Xunta de Galicia tamén subliñou que Luísa Villalta “foi unha das intelectuais máis brillantes da súa xeración e en cada unha das súas facetas emerxeu sempre a súa paixón, o seu compromiso e a súa mirada”. Así, a exposición afonda na traxectoria da autora a través de máis de 60 pezas entre as que se atopan borradores das súas obras, notas, correspondencia con outros escritores e escritoras e folletos e programas de actos nos que participou, así como algunhas das súas publicacións.
Luísa Villalta foi escritora, música, tradutora e docente. Como escritora practicou, ademais, múltiples xéneros: a poesía, o teatro, o ensaio e o xornalismo de opinión. En 2024 dedicáronselle as Letras Galegas, momento no que a Biblioteca de Galicia acolleu a mostra Luísa Villalta. A memoria dos sons.
Cada ano, en conmemoración do Día Internacional da Muller, o Arquivo de Galicia artella unha exposición para, a través dos seus fondos, poñer en valor o traballo das mulleres galegas en distintos ámbitos ao longo da historia. Así, coa serie Mulleres Sobranceiras xa se homenaxeou a figuras como Luz Pozo Garza, Concepción Arenal ou Olga Gallego Domínguez.
A iniciativa encádrase na programación As exposicións de 2026 como motor cultural da Galicia Calidade coas que a Xunta de Galicia busca fomentar o acceso á cultura e contribuír á formación da cidadanía.
