O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Gaiás o V Congreso Bandístico, unha cita de referencia que reúne esta semana en Santiago de Compostela a musicólogos, directores e intérpretes internacionais ao redor da relevancia das bandas populares no devir histórico e cultural de Galicia, tanto na nosa Comunidade como na diáspora.
Acompañado polo director xeral de Patrimonio Cultural, Ángel Miramontes, o titular de Cultura do Goberno galego destacou na súa intervención o papel crucial que as bandas de música desempeñan na conservación e transmisión do patrimonio inmaterial de Galicia, definíndoas como "as maiores dinamizadoras da nosa cultura de base e un eixo vertebrador irrenunciable para a cohesión social das nosas aldeas, vilas e cidades”.
Baixo o título O patrimonio itinerante: bandas de música galegas entre Europa e América, o congreso pon o foco nesta edición nas conexións, a través dos intérpretes e músicos das bandas, entre as dúas beiras do Atlántico. A este respecto, López Campos lembrou fitos históricos que reflicten este vínculo transatlántico, como o feito de que o Himno Galego fose estreado a finais do ano 1907 no Teatro do Centro Gallego da Habana, e interpretado precisamente pola Banda Municipal da Habana. “A nosa música de banda non entende de fronteiras; é un patrimonio vivo e itinerante que viaxou coa nosa diáspora, mantendo viva a identidade galega”, remarcou o conselleiro.
O representante da Xunta de Galicia coincidiu cos organizadores do congreso na necesidade de seguir a traballar na “protección e posta en valor” do tecido asociativo ao redor das bandas de música populares, “apoiando iniciativas coma esta, que aseguran o relevo xeracional e a divulgación dos repertorios e as composicións históricas galegas, para evitar que caian no esquecemento” destacou. Neste sentido, López Campos louvou especialmente o enfoque integrador desta quinta edición do foro científico, que reserva un espazo para escoitar os integrantes das propias bandas, con seccións dedicadas aos músicos máis lonxevos, antigos directivos, ou ás primeiras mulleres que entraron nas agrupacións, rompendo barreiras no ámbito da interpretación e a dirección.
"O talento das novas xeracións, que hoxe convive neste espazo coa memoria e a experiencia dos veteranos e as pioneiras, é a mellor garantía de que as nosas bandas populares teñen o futuro asegurado", concluíu o conselleiro, convidando a todos os participantes a espremer unhas xornadas que transcorrerán ata o sábado 11 de xullo en dúas sedes: a Cidade da Cultura de Galicia e o Centro de Estudos Avanzados da Universidade de Santiago de Compostela.
Residencia artística ‘Converxencias’
O acto rematou cun concerto dun dos ensembles pertencentes á Banda Sinfónica Galega que estes días participan na Cidade da Cultura na residencia artística Converxencias, un espazo de intercambio e aprendizaxe a través do que incentivar a mellora formativa nas distintas especialidades instrumentais.
Este encontro, encadrado no programa de Residencias Artísticas do Gaiás, ofrece a posibilidade aos músicos de experimentar con novos repertorios, asumir unha maior responsabilidade interpretativa e optar a formación especializada a través de clases maxistrais con mestres de recoñecido prestixio, que contribúan a mellorar a calidade técnica e artística dos participantes.
Tanto o congreso como a residencia Converxencias están organizados pola Federación Galega de Bandas de Música Populares, que conta, entre os seus apoios, coa Xunta de Galicia.
