A Xunta convida a coñecer a arte contemporánea galega desde a emoción cunha innovadora mostra sensorial na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 26 de Febreiro de 2026

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, inaugurou hoxe no Museo Centro Gaiás a exposición As estacións do ano na arte galega dos séculos XX e XXI. Trátase do novo proxecto expositivo da Xunta de Galicia que destaca por achegar a creación contemporánea cun deseño expositivo innovador que parte dos achados da neuroestética e a neuroarquitectura, disciplinas desde as que traballa a artista e investigadora Mónica Alonso, comisaria da mostra.

O titular de Cultura do Goberno galego, acompañado polo director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, fixo fincapé nesta nova perspectiva que a exposición emprega para achegar a creación contemporánea a todos os públicos. A disposición das obras, as cores das diferentes seccións, a temperatura e os sons contribúen a “mergullarnos nunha experiencia fondamente emocional e estética que convida a poñer en relación a nosa memoria das primaveras, veráns, outonos e invernos pasados coas paisaxes, obxectos e imaxes que atopamos no Museo”, precisou.

O espazo expositivo divídese en catro apartados correspondentes con cada estación. Ademais, antes de iniciar o itinerario, as persoas visitantes acceden a unha sala de cor azul ceo que funciona como espazo neutral, desde o cal poden moverse cara á esquerda ou cara á dereita. Para que o corpo se aclimate, dúas cabinas de inmersión, unha de calor e outra de frío, preceden o percorrido polo verán-primavera e polo inverno-outono.

O deseño da mostra está concibido para activar as nosas emocións e á vez focalizar a atención nas obras de arte. Con este fin, cada estación é dunha cor: o inverno é gris, o outono dun verde que vai perdendo intensidade, o verán é un ocre amarelado e a primavera é rosa. Son eleccións cromáticas intencionais, que o cerebro asocia aos diferentes períodos do ano e amplifican a inmersión. O proxecto segue así os principios das investigacións sobre como o ser humano percibe, procesa e sente a arte e a beleza a nivel neurolóxico e psicolóxico.

As estacións do ano será tamén unha das mostras de arte contemporánea máis accesibles e inclusivas, remarcou o conselleiro de Cultura, ao incorporar medidas para que as persoas con discapacidade intelectual ou cognitiva, as persoas cegas e o colectivo de persoas xordas poidan igualmente gozar da exposición en liña co obxectivo da Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia.

Figuras históricas e novos creadores

Por outra banda, López Campos subliñou “a riqueza da creación contemporánea galega que se reúne no Museo Gaiás, con máis de 80 obras de 63 artistas, unha trintena deles vivos”. Dialogan na mostra grandes nomes como Castelao, María Antonia Dans, Eugenio Granell, Laxeiro, Urbano Lugrís ou Seoane con artistas de recoñecida traxectoria como o premio nacional de fotografía Manuel Vilariño e a fotógrafa Mar Caldas, o escultor Manolo Paz, os pintores Antón Lamazares, Berta Cáccamo ou Menchu Lamas, e tamén coas xeracións máis novas representadas por Mar Ramón Soriano ou Sergio Marey, entre outros moitos.

Esta escolma foi posible grazas á colaboración das coleccións de arte públicas e privadas máis destacadas de Galicia, coa Colección de Arte Afundación, a Colección de Arte ABANCA e o Museo de Belas Artes da Coruña á fronte. Tamén hai pezas procedentes das fundacións María José Jove, Luis Seoane e Eugenio Granell, así como do Centro Galego de Arte Contemporánea, os museos de Pontevedra e de Lugo, e as galerías Nordés e Trinta, entre outras. Entre as obras, hai pezas inéditas cedidas polos propios artistas, e cinco instalación que foron encargadas de maneira específica pola comisaria en diálogo cos artistas Berio Molina, Mar Vicente, Fernando Casás, Edu Valiña e Mondra, e as irmás Noa e Lara Castro de Lema.

Segunda pel de inmersión

As estacións do ano convida desde hoxe e ata o 6 de setembro a abrir os sentidos, camiñar devagar e centrar a atención en cada obra e no espazo que ocupa. Para intensificar esta experiencia, a liña Gaiás Inspira programará visitas especiais nas que o público vestirá prendas monocromas iguais mentres percorre a exposición, convertendo a viaxe pola arte galega nunha auténtica experiencia colectiva. Estas veñen sumarse ás visitas guiadas regulares e tamén didácticas do Museo Centro Gaiás, destinadas ao alumnado dos centros galegos.

Editarase, ademais, un catálogo con motivo da exposición que afonda no itinerario artístico e emocional con textos da comisaria, do historiador e crítico de arte Carlos L. Bernárdez e do físico galego, especialista en meteoroloxía, oceanografía e climatoloxía Martín Barreiro.