A Xunta de Galicia reuniu preto de 15.000 persoas nos doce concertos ao aire libre de Atardecer no Gaiás, que se celebraron entre os meses de xullo e agosto. Cun cartel de 14 artistas, erixiuse como a segunda edición máis multitudinaria deste ciclo de música gratuíto, que se celebra desde hai 16 anos na Cidade da Cultura e procura ser escaparate das tendencias actuais.
A actuación de 9Louro, o xoves 9 de xullo, foi a que tivo maior afluencia, cunhas 5.000 persoas que encheron a Praza central do Gaiás para escoitar este referente da música urbana en galego. A popularidade do xénero quedou patente tamén nos 2.300 asistentes que trouxo o Atardecer Fest, o 13 de agosto, nunha xornada protagonizada polo rap de Santa Salut e Israel B xunto a Silee, artista emerxente de Bueu que mestura este xénero co trap e con ritmos latinos e tradicionais.
Carlangas, quen inaugurou o ciclo o 2 de xullo, e o dúo de stoner rock Bala foron outros dos concertos que congregaron máis público, así como a sesión de electrónica en directo coa que Galician Army puxo a banda sonora á eclipse de sol da tarde do 12 de agosto.
Plataforma para o talento novo
Polo escenario de Atardecer no Gaiás pasaron tamén promesas da música galega como Marrit, primeiro premio Xuventude Crea 2025 na modalidade de Música, ou Dogo, gañadores o ano pasado do concurso Sonidos Mans Salas para bandas emerxentes.
O novo tradi estivo representado por Unto Vello e polo trío Maricarme, propostas caracterizadas por recoller melodías do folclore e actualizalas a partir de novos arranxos e instrumentación contemporánea. Nesta mesma liña de experimentación, a partir da canción tradicional, encadrouse o concerto de Sheila Patricia.
Letras afiadas e punk rock desenfadado marcaron a actuación doutra banda emerxente na escena galega, Lisdexia, coa que se deu peche os concertos de xullo de Atardecer no Gaiás. Finalmente, o ritmo do último concerto desta décimo sexta edición do ciclo púxoo, o 14 de agosto, Turista Sueca, con temas de electropop para bailar e crítica social cargada de humor.
Atardecer no Gaiás, que contou un ano máis co apoio de Cervezas Alhambra, é unha das máis de 3.600 propostas impulsadas polo Goberno galego dentro da campaña de verán Para gustos, cultura, que leva actividades de música, artes escénicas e exposicións a máis de 200 localidades galegas.
