A Xunta celebra a contribución á creación escénica da Federación Galega de Teatro Amador, que cumpre 25 anos de traxectoria

Santiago de Compostela, 06 de Xullo de 2025

O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, asistiu ao acto de celebración dos 25 anos da Federación Galega de Teatro Afeccionado, que tivo lugar durante a xornada de hoxe na Cidade da Cultura e que contou cunha vintena de actuacións de formacións teatrais de toda Galicia. 

O titular de Cultura da Xunta sinalou a importancia de “apoiar as agrupacións de teatro amador para que todo o mundo poida ter espazos que alenten a creación artística”. Así, López Campos fixo fincapé “no gran traballo e relevante papel” desta federación como “espazo aberto, de acubillo e difusión do talento escénico”. De igual xeito, gabou a implicación das formacións que a integran “dedicándolles o seu tempo libre a fomentar unha cultura teatral de base”. 

“Co seu esforzo, xérase un tecido artístico que achega a cultura á xente e fai do teatro unha forma de expresión accesible para todas as persoas”, explicou o conselleiro. No acto, López Campos estivo acompañado do director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, e da presidenta da federación, Chelo Pampillón.

25 anos facendo teatro

A Federación Galega de Teatro Afeccionado comezou no ano 2000 a súa andaina cara ao fortalecemento do tecido cultural ao redor do teatro amador no ámbito autonómico, a través de actividades formativas, de intercambio, mostras e festivais de teatro.

Na actualidade, está formada por 63 agrupacións teatrais representativas das catro provincias galegas, que fan dela a maior estrutura teatral da contorna autonómica. Nos últimos tempos orientou tamén os seus esforzos cara á promoción da escena de carácter amador galego no resto de España.